BENESTAR ANIMAL

Traballadores municipais aprenden a afrontar situacións de maltrato animal

10/05/2016 Funcionarios do Concello de Santiago participan na Pobra do Caramiñal no curso "Maltrato animal: procedementos policiais e administrativos nos concellos". Trátase dunha actividade organizada pola Deputación da Coruña, a petición do Concello da Pobra, que ten como obxectivo que os traballadores públicos saiban como enfrontarse a situacións de abandono ou malos tratos a animais.

O curso inclúe unha parte de formación lexislativa, a cargo da avogada Raquel López, traballadora do despacho murciano especializado en dereito animal DeAnimals. Da súa man, os asistentes coñeceron cuestións relacionadas cos dereitos e obrigas dos donos dos animais, a lexislación sobre animais cualificados como potencialmente perigosos ou a lexislación autonómica sobre protección e tenza de animais de compañía. Tamén se analizaron os apartados do Código Penal que fan referencia aos delitos de abandono e maltrato animal.

O programa completouse cunha parte centrada na actuación policial en relación co maltrato animal. En concreto, os traballadores municipais recibiron formación sobre os protocolos a seguir en caso de abandono de animais na vía pública, envelenamentos, pelexas de cans, maltrato ou decomiso de animais. Por último, recibiron algunhas nocións sobre primeiros auxilios veterinarios.

O curso, organizado pola Deputación, realízase en colaboración coa Academia Galega de Seguridade Pública.

Compartir: