ACCIÓN CULTURAL

Máis de 55.000 persoas participaron nas actividades das festas da Ascensión

10/05/2016 A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, fixo balance en rolda de prensa das Festas da Ascensión 2016, nas que participaron máis de 55.000 persoas.

A concelleira destacou "a gran participación da veciñanza durante os cinco días de festa, música e actividades", así como "a calidade musical e artística da programación, dirixida e pensada para públicos de todas as idades". Tratouse ademais dunha programación transversal, na que non só participou o Departamento de Festas do Concello, senón tamén o de Mercados, coa celebración dos mercados de rúa Compostela Art & Eco, en coorganización coa Fundación Santiago Centro.

Como todos os anos, unha das actividades que máis xente congregou foi a Feira Cabalar de Amio, pola que se achegaron o xoves da Ascensión arredor de 20.000 persoas, 8.000 máis que o pasado ano. Outro éxito de público foi o concerto Santiago 40 Pop, que reuniu 4.500 persoas na praza da Quintana.

Tamén tivo moito seguimento a comparsa de cabezudos, cunha afluencia de entre 1.000 e 1.500 persoas os dous días, ou a Festa dos Maiores, que congregou a 1.400 persoas o sábado 7 de maio. A tradición de eventos coma estes mesturouse coa vangarda de artistas como Davide Salvado, Batida, Fred Wesley ou Aurora & The Betrayers que, a pesar do mal tempo, lograron congregar a milleiros de persoas na Praza da Quintana.

Programación para todos os públicos
Branca Novoneyra quixo destacar "a riqueza da programación destas Festas, moi rica, variada e orientada a todos os públicos da cidade". Precisamente, os e as máis pequenas foron tamén protagonistas grazas a Romaría Cativa, á que asistiron 450 persoas cada un dos dous días de celebración, e que por mor do mal tempo tivo que se trasladar ao Teatro Principal. A concelleira de Acción Cultural quixo aproveitar para agradecer a artistas e traballadores a súa disposición "polo traslado dalgúns eventos como o Teatro de Rúa ou a Romaría Cativa por culpa das condicións meteorolóxicas". Iso si, Novoneyra destacou que, a pesar diso, "non se cancelou ningunha das actividades previstas, agás o Torneo de Chave, que se pospuxo para a próxima fin de semana a petición da asociación".

Mercados de rúa
Compostela Art & Eco foron dúas das novidades destas festas da Ascensión. Por estes dous mercados, situados dende o 5 ata o 8 de maio na Carreira do Conde e na praza Roxa, pasaron arredor de 6.000 persoas. Dende a Fundación Santiago Centro, coorganizadora do mercado xunto co Concello de Santiago, trasladaron a súa satisfacción e amosaron o seu desexo de que se puidesen consolidar como feiras estables. Branca Novoneyra asegurou que "dende o Concello estamos completamente de acordo en que esta é unha maneira de crear fluxos de visitantes no Ensanche, para responder así a unha das queixas históricas de veciños e comerciantes desta zona da cidade".

Compartir: