MEDIO AMBIENTE

O CIAC programa en maio un obradoiro sobre bioconstrucións para flora e fauna urbana e un roteiro sobre biodiversidade

09/05/2016 Para o mes de maio, o Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC) preparou un programa que inclúe un obradoiro sobre bioconstrucións para a flora e a fauna urbana e un roteiro sobre biodiversidade na cidade. Completarase o calendario coa celebración do IV Encontro de Cidadanía ao Poder, organizado polas Coordinadoras de ONGDs e cun curso de iniciación á apicultura da Asociación Galega de Apicultura.

O sábado 21 de maio, ás 17:00horas, celebrarase o Obradoiro de bioconstrucións para flora e fauna urbanas. Trátase dun taller de construcións caseiras con material de refugallo que teñen coma función favorecer un espazo amable para a biodiversidade nun terreo urbano: hortas de balcón, hortas verticais, hoteis de insectos, niños e comedeiros...

Como cada último sábado de mes, en maio tamén haberá un roteiro, neste sobre biodiversidade na cidade. Será o sábado 28 de maio ás 12:00 horas. Estrearase un percorrido máis urbano do habitual, no que se falará sobre os espazos que a cidade ofrece para albergar flora e fauna e enriquecer a nosa biodiversidade.

IV Encontro de Cidadanía ao Poder
O venres 13 e o sábado 14 de maio celebrarase o IV Encontro de Cidadanía ao Poder. Este evento pretende poñer en común metodoloxías e prácticas de diferentes actores da educación para o desenvolvemento e a comunicación para a transformación, para fomentar sinerxías entre os distintos colectivos, ONGD, movementos sociais e outros axentes que traballan a prol da transformación social. O encontro enmárcase nun contexto coma o actual no que existe unha crecente polarización do discurso ao redor das migracións e do dereito ao asilo e ao refuxio.

A programación de maio complétase o domingo 22 cun Curso de Apicultura Ecolóxica a cargo da Asociación Galega de Apicultura. Haberá un módulo teórico e dúas sesións prácticas. Máis información na web www.apiculturagalega.org.

Cómpre lembrar que todas as actividades organizadas polo CIAC son de balde, mais é preciso inscribirse ata 3 días antes da súa celebración.

CIAC
O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela está localizado no parque de Belvís, no edificio dun antigo curtidoiro. O CIAC quere ser un espazo aberto á participación ambiental da cidadanía e conta con recursos didácticos e actividades que axudan a comprender mellor a relación entre a cidade e o seu medio ambiente.

O CIAC está aberto para público xeral os fins de semana e días festivos, de 10:30 a 14:00 e de 16:30 a 19:00 horas. Pola semana abre para visitas guiadas a grupos de máis de 10 persoas, previa reserva chamando ao 981 543 145.

Compartir: