FESTAS

Marcos Coll e Nina Hill poñen o broche de ouro ás Festas da Ascensión 2016

07/05/2016 Despois de catro días de concertos, festa e actividades que encheron de xente as rúas da nosa cidade, as Festas da Ascensión do 2016 chegan ao seu fin con programación para todos os públicos.

A festa comeza ás 12:00 horas co Ciclo de Primavera a cargo da Banda Municipal de Música e Teresa Novoa, que realizarán un concerto en dous actos con pezas de Verdi, Mozart, Chueca ou Cesarini. Xa pola tarde será a quenda da Escola de Teatro Valle-Innova, que representarán, dentro do teatro de rúa, a obra de Ramón María del Valle-Inclán Que os leve o vento. Será no Teatro Principal.

O broche de ouro porano na praza da Quintana os artistas Marcos Coll e Nina Hill, que darán o último concerto das festas da Ascensión deste ano. Este domingo tamén será a última ocasión para gozar dos mercados de rúa Compostela Art e Compostela Eco, que se sitúan na Carreira do Conde e na praza Roxa, respectivamente. A Feira Ecolóxica Labrega poderase visitar de 10:00 a 15:00 e de 17:00 a 21:00 horas, e o Mercado de Arte e Artesanía de 11:00 a 15:00 e de 17:00 a 21:00 horas. Haberá animación de rúa, obradoiros de talla de cerámica e madeira e máis actividades para a infancia e persoas adultas.

Marcos Coll
Nace en Madrid no 1976, trasladándose a Santiago na infancia. Con só 13 anos empeza a tocar a harmónica grazas ao seu tío e influenciado polo harmonicista español Ñaco Goñi. Despois de formar varias bandas amateurs como Red Blues Band en 1995 forma a súa primeira profesional, que leva o nome de Blue Rags. Volve a Madrid en 1999 para pasar a formar parte da banda máis antiga e coñecida do país, a Tonky Blues Band. Como músico de sesión ten gravado con multitude de artistas e música para televisión ou cine mudo.

Nina Hill
É unha muller destacada e cun amplo historial dentro do mundo do blues e o soul. Trátase dunha artista con moito ritmo e manexo do espazo escénico que fará mover as cadeiras a un público de todas as idades. Orixinaria de Los Ángeles, xirou, bailou e prestoulle a súa voz durante sete anos a toda unha lenda do blues e o rock & roll como Ike Turner, considerado como un dos mellores guitarristas da historia do blues, e facendo o mellor repertorio del e da súa muller, Tina Turner, no seu momento máis álxido, cando compuxeron as súas cancións máis famosas. Compartiu escenario con auténticas lendas da música como B.B.King, James Brown, The Gap Band, Hazel Payne of Thas of Honey, The Nevil Brothers, Shakira, Hiram Bullock, Tower of Power…

Compartir: