FACENDA

O Concello de Santiago conta xa cos orzamentos e o cadro de persoal para o 2016

03/05/2016 O Boletín Oficial da Provincia da Coruña anuncia hoxe a publicación definitiva do orzamento xeral e do cadro de persoal do Concello de Santiago de Compostela para o exercicio 2016.

O Pleno da corporación deulle o visto bo a estes orzamentos na sesión ordinaria do pasado mes de abril, rexeitando as dúas alegacións presentadas no período de exposición pública. Ambas alegacións ao orzamento non foron admitidas por non corresponder o motivo da alegación con ningunha das causas obxectivas enumeradas na lexislación, e así se fixo constar cos informes dos técnicos municipais.

Os orzamentos aprobados ascenden a 99.400.897,44 euros e teñen tres grandes eixos: as políticas sociais e o emprego, que ven incrementado o seu orzamento nun 35%, o mantemento e o reequilibrio territorial. O orzamento consolidado ascende a 102 millóns de euros. Os 8,4 millóns de euros destinados a políticas sociais supoñen un investimento de 88 euros por habitante e ano, unha ratio que acada o máximo histórico. No rural, o orzamento acada os 2 millóns de euros duplicando a partida do ano pasado e, no que se refire ao mantemento, consígnase un orzamento de 1,1 millóns de euros, tamén o dobre que o ano pasado.

Compartir: