ALCALDÍA E MEDIO AMBIENTE

A República Árabe Saharauí coñece o modelo compostelán de xestión do lixo e da auga

27/04/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, recibiron unha delegación do Ministerio de Auga e Medio Ambiente da República Árabe Saharauí, encabezada polo seu titular, Brahim Mokhtar. O ministro asinou no Libro de Honra do Concello.

Noriega expresou a satisfacción que lle producía recibir ao ministro e compartir con el experiencias no campo da recollida de lixo ou do tratamento do ciclo da auga, mostrando a "dispoñibilidade para a transferencia de información e apoio loxístico". A delegación saharauí visitou logo as concesionarias do servizo do lixo e da auga.

O alcalde aproveitou a visita para reiterar o seu apoio político ás reivindicacións do pobo saharauí. Neste sentido, agarda que se produza unha "pronta resolución que apoie as súas xustas reivindicacións".

A propósito destas demandas, Brahim Mokhtar informou ao alcalde sobre a situación que se vive nestes momentos nos campamentos do Sáhara Occidental, nun momento no que se discute en Nova York, no Consello de Seguridade da ONU a prórroga do mandato da Misión das Nacións Unidas para o Referéndum do Sáhara Occidental (Minurso).

O ministro agarda que unha resolución da ONU que "contemple o respecto ao dereito internacional e ao dereito de autodeterminación do pobo saharauí, e acelere un proceso de descolonización que dura xa 40 anos". Ademais, agradeceu "relación de solidariedade que sempre tivemos con Galicia".

Compartir: