IGUALDADE

O programa Verán CampUSC 2016 fomentará a igualdade de xénero en Compostela

25/04/2016 O Concello de Santiago, a través da Concellaría de Igualdade, colabora por primeira vez coa Fundación USC Deportiva e a Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC co programa Verán CampUSC 2016, concibido como unha actividade deportiva, cultural, socioeducativa e de lecer, desenvolvida no período de verán, que permitirá a pais e nais traballadores da USC conciliar a vida laboral e familiar neste período, así como aquelas persoas que aínda non tendo vinculación coa comunidade universitaria precisen desta actividade de conciliación.

Amosaráselle ás persoas participantes as bases dunha importante cantidade de xogos e deportes, atendendo as súas idades e desenvolvemento psíquico-físico. A práctica de actividades físico-deportivas non é boa só a nivel de saúde, senón tamén para inculcar dun xeito lúdico os valores de disciplina, esforzo, perspectiva de xénero, dedicación e respecto ás normas que sen dúbida resultarán de utilidade para a vida cotiá. O programa está dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 13 anos.

A concelleira de Igualdade, Marta Lois, destacou a importancia da colaboración entre a Universidade e o Concello "cun claro obxectivo que é promover a igualdade de xénero en Compostela". Para iso haberá tres eixos fundamentais como son "a conciliación da vida laboral e familiar a través dunha achega económica para a realización dun campamento de verán que dende hai anos vén organizando a USC; en segundo lugar, visibilizar as mulleres na ciencia combatendo os estereotipos de xénero e a segregación horizontal e, por último, o apoio dos estudos universitarios en materia de igualdade de xénero".

Máis prazas e menor custo
A colaboración do Concello de Santiago, que se plasma a través dunha achega económica permitirá ampliar de 360 a 500 as prazas ofertadas, das cales 150 estarán reservadas a nenos e nenas que non teñen vinculación coa USC. Ademais, amplíase o horario ata as 14:45 horas para dar resposta así ás dificultades de conciliación doutros anos. Así, o programa terá lugar de 08:45 a 14:45 horas en 5 quendas, a razón de 100 prazas por cada unha: do 23 de xuño ao 1 de xullo, do 4 ao 15 de xullo, do 18 ao 22 de xullo, do 26 ao 29 de xullo e do 1 ao 9 de setembro.

Inscrición
Dende o 25 de abril ao 11 de maio de 2016 estará aberto o período de preinscrición para todo tipo de solicitantes. Realizarase cubrindo o cuestionario establecido a tal efecto na páxina web da Fundación: www.fundacionuscdeportiva.org. O 13 de maio, como data límite, publicaranse as listas de admitidos e admitidas en cada quenda na web da Fundación USC Deportiva e no seu taboleiro de anuncios.

Os admitidos e admitidas no período de preinscrición poderán formalizar a súa praza efectuando o pagamento dende o momento da publicación das listas ata o 29 de maio. No caso de que o número de preinscricións de comunidade universitaria nalgunha quenda fose inferior a 70, ou inferior a 30 no caso do público xeral, quedará aberto tamén neste momento o prazo de inscrición para quen non teña feita preinscrición, ata cubrir as prazas vacantes.

O 30 de maio comunicarase a través da web en que quendas quedan prazas dispoñibles. A partir dese momento as prazas, abertas a todos os públicos, iranse cubrindo por rigorosa orde de inscrición.

As persoas inicialmente admitidas no período de preinscrición que non formalicen a praza antes do 29 de maio, perderán a súa reserva de praza e só poderán inscribirse posteriormente no caso de que aínda houbera prazas libres.

Compartir: