EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Catro solistas da Escola Municipal de Música participaron en Vilagarcía na V Mostra Musical do Eixo Atlántico

25/04/2016 O Auditorio de Vilagarcía acolleu esta fin de semana a V Mostra Musical do Eixo Atlántico, na que participaron 198 estudantes de escolas municipais de música e conservatorios de 19 cidades de Galicia e Portugal integradas na Eurorrexión. A edición de 2016 rendeu homenaxe ao compositor luso Eurico Carrapatoso, quen participou na cerimonia de entrega de premios e fixo un recoñecemento a esta iniciativa e un canto ao incremento das relacións entre as cidades de Galicia e de Portugal arredor de tantos sinais de identidade compartidos, nomeadamente a lingua.

A cidade de Santiago de Compostela, a través da Escola Municipal de Música, participou nesta V Edición con catro representantes: Lía Fernández Vázquez, piano; Álvaro López Sánchez, piano; Ester Xía Perez Parallé-Mera, violín; e Mariña Inés Fernández Martín, piano.

O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, manifestou a súa satisfacción polo éxito da convocatoria e os parabéns a todos os premiados e, en particular, aos catro novos músicos que ostentaron a representación da cidade de Santiago no concurso.

A Mostra Musical do Eixo Atlántico ten carácter bienal, polo que nesta quinta edición cumpriu xa unha década de vida baixo este formato de ámbito transfronteirizo, posto que naceu anos antes como a Mostra de Xóvenes Intérpretes como medio de dar a coñecer e promocionar o talento do alumnado.

Con motivo da presentación da edición de 2016, o secretario xeral do Eixo Atlántico, achegou datos da participación para ilustrar a positiva evolución da Mostra Musical, que nas últimas tres edicións foise incrementando notablemente. Na terceira edición, no ano 2012, o evento contou con 38 actuacións de 14 cidades, mentres que na edición deste ano, a quinta, houbo 55 actuacións e 19 cidades representadas.

Co fin de promocionar e dar a coñecer a calidade dos compositores e músicos en activo actualmente na Eurorrexión, a Mostra dedícase cada ano a unha figura destacada. Este ano o homenaxeado foi o compositor e profesor de música luso Eurico Carrapatoso, de Mirandela.

Ademais, o concelleiro de Educación e Cidadanía ofreceu a cidade de Santiago, as súas infraestruturas municipais e profesionais no ámbito da música, para seguir a colaborar no mantemento e mellora da Mostra. Neste sentido, en próximas datas manterá unha xuntanza de traballo co secretario xeral do Eixo Atlántico para concretar novas iniciativas que redunden na extensión e na progresión desta iniciativa musical de referencia para a promoción da música e no recoñecemento dos participantes.

Compartir: