ALCALDÍA E ACCIÓN CULTURAL

O alcalde visita a Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina

23/04/2016 O alcalde de Santiago visitou onte pola tarde a sede da Federación de Asociacións Galegas de Bos Aires, na súa terceira xornada na capital arxentina. Martiño Noriega estivo acompañado polo presidente da Federación, Francisco Lores, e por varios membros da directiva, nun percorrido no que puido coñecer o funcionamento da entidade, un dos motores culturais da comunidade galega en Bos Aires. O alcalde agradeceu "o recibimento á delegación compostelá, así como todo o traballo en prol de manter a comunidade galega e a súa identidade tamén nas xeracións mais novas".

Noriega coñeceu tamén de primeira man o Museo da Emigración Galega na Arxentina (MEGA), así como a biblioteca vinculada á Federación. O MEGA ofrece unha mostra do patrimonio inmaterial e material da colectividade galega e conxuntamente coa biblioteca son espazos para o estudo e a aprendizaxe sobre a emigración.

Conferencia de Teresa Moure
A visita da comitiva de Santiago finalizou no salón "Arturo Cuadrado" da sede da Federación. Alí ofreceu unha conferencia a escritora compostelá Teresa Moure, encadrada no programa de actividades da Feira Internacional do Libro de Bos Aires, que nesta edición ten a Santiago como cidade invitada. A autora, que foi presentada polo alcalde, foi un dios nomes propostos polo Concello para representar á cidade na capital arxentina. Teresa Moure mostrou a súa visión sobre a literatura galega no seu percorrido histórico e sobre os retos que afronta para o futuro próximo.

Presentación do Mapa Literario de Santiago de Compostela
Na axenda da delegación compostelá en Bos Aires, a concelleira de Acción Cultural presentou onte o Mapa Literario de Santiago de Compostela. Foi nun dos lugares máis emblemáticos da capital arxentina: a libraría Eterna Cadencia. Branca Novoneyra explicou que o mapa, dispoñible en papel e nunha app para móbiles, permite descubrir diferentes lugares de Compostela a partir da obra de autores vinculados á cidade, como Rosalía de Castro, Federico García Lorca, Suso de Toro ou Teresa Moure. O mapa tamén localiza as principais librarías e editoriais radicadas na capital galega.

Este foi o primeiro acto de Compostela Colateral, o ciclo co que o Concello de Santiago achega unha visión crítica de Compostela coma territorio literario. Durante tres semanas, escoitarase a palabra das autoras e autores que constrúen a literatura actual da cidade dende a oralidade e a independencia. Compostela Colateral é unha viaxe literaria que conecta lugares e autores de Compostela e Bos Aires seguindo un pensamento compartido: son as palabras as que constrúen as cidades.

Direccións relacionadas



Compartir: