ESPAZOS CIDADÁNS

Avanza o proceso de revisión do Plan Especial da Cidade Histórica de Santiago

22/04/2016 Xa está a disposición da cidadanía o primeiro dos documentos da revisión do Plan Especial da Cidade Histórica. Trátase da Memoria de Información Urbanística e Diagnose, que se pode consulta na web específica do Plan.

O documento define as fortalezas, insuficiencias, deficiencias e oportunidades que deben ser tidas en consideración de cara ás posteriores fases de redacción do Plan Especial, e faino analizando cuestións como a dotación de infraestruturas no ámbito do Plan, o estado e ocupación das vivendas, a rede viaria, ou a evolución da poboación.

O concelleiro de Espazos Cidadáns explicou que o Goberno pretende que a cidadanía faga as súas valoracións e achegas a este documento. Jorge Duarte lembrou que nos últimos meses celebráronse numerosas mesas de traballo ao redor do Plan Especial nas que participaron asociacións de veciños, de comerciantes e de hostaleiros. Tamén se constituíu un grupo de expertos, integrado por nomes tan recoñecidos como Xerado Estévez, Felipe Criado, ou Andrés Rosende.

Primeiras conclusións
Á espera de analizar polo miúdo o documento de diagnose, o concelleiro de Espazos Cidadáns adiantou algunhas das súas conclusións, que avalan que o Plan Especial vixente foi un documento útil pero que é preciso actualizar. Así, Jorge Duarte sinalou que a memoria presentada hoxe advirte do exceso de uso hostaleiro no ámbito do Plan Especial, e detecta unha preocupante perda de poboación na cidade histórica. O concelleiro relacionou esta baixada de habitantes con carencias en materia de infraestruturas, que están moi limitadas polo Plan Especial actual. A modo de exemplo, citou a fibra óptica que non pode chegar a moitos puntos da zona monumental e iso dificulta tanto que se asenten habitantes como que determinado tipo de empresas queiran instalarse na cidade histórica.

Outra das conclusións que se tiran do documento de diagnose ten que ver coa necesidade de ofertar máis aparcamentos de borde e prazas para residentes no ámbito do Plan Especial.

Coa publicación da Memoria de Diagnose vanse cumprindo os prazos fixados para a revisión do Plan Especial. Segundo explicou Jorge Duarte, antes do verán estará listo o documento de avaliación ambiental e estratéxica, e o documento do Plan Especial será sometido a aprobación inicial antes de que remate este ano.

Direccións relacionadas



Compartir: