ACCIÓN CULTURAL

Sol Picó presenta en Santiago "W.W. We Women", espectáculo finalista á mellor coreografía nos premios Max

22/04/2016 A compañía Sol Picó presenta en Compostela W.W. We Women, dentro do programa Platea, do INAEM, Ministerio de Cultura. Será o luns que vén, 25 de abril, ás 20:30 horas, no Auditorio de Galicia, cando poderemos ver este espectáculo que vén de ser nomeado finalista á mellor coreografía nos Premios Max das Artes Escénicas.

Sol Picó pregúntase pola condición da muller, enriquecendo a súa mirada coa de mulleres de todo o mundo. Partindo das diferentes disciplinas que practican as artistas coas cales colabora e das orixes e herdanzas de cada unha delas, Sol Picó debuxa un retrato da muller contemporánea neste espectáculo. Artistas, algunhas das cales tiveron que romper os esquemas imperantes nas súas culturas de orixe, teñen estilos, técnicas e linguaxes diferentes, mesmo descoñecidos para as súas compañeiras, pero todas expoñen os mesmos interrogantes e buscan as mesmas respostas.

As entradas teñen un prezo de 16 euros e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas), no 902 434 443, en entradas.abanca.com, e o propio día do evento tamén no despacho de billetes do Auditorio de Galicia dende as 18:00 horas.

Compartir: