ACCIÓN CULTURAL

A Banda Municipal súmase de novo á conmemoración do 400º aniversario da morte de Cervantes e Shakespeare

22/04/2016 Despois do concerto especial ofrecido a finais de febreiro no Centro Sociocultural de Santa Marta, a Banda Municipal súmase cun segundo concerto á conmemoración do 400º aniversario da morte de Cervantes e Shakespeare. Será este domingo 24 de abril, ás 12:00 horas, no Teatro Principal.

O programa iniciarase cun tríptico en forma de obertura do londinense P. Sparke, titulado Theatre Music. Trátase dunha composición en tres movementos inspirada nas tres partes de calquera obra de teatro. Completará a primeira parte do concerto En un lugar de la Mancha, do valenciano Ferrer Ferrán. Esta suite para banda estrutúrase en catro movementos, que describen de forma moi explícita o carácter de cada un dos personaxes que protagonizan El Quijote.

A segunda parte do concerto estará dedicada a Shakespeare e comezará con Otello, do compositor estadounidense A. Reed, que escribiu unha música incidental para o teatro con leit motiv musical para cada personaxe. Despois desta obra mestra dentro do xénero bandístico, a formación interpretará a versioneada obra de Romeo e Xulieta, neste caso do compositor S. Prokopiev. É unha suite que J. De Meij arranxou a partir do ballet que Prokopiev compuxo sobre esta traxedia amorosa para adaptala á banda.

Documentos relacionados



Compartir: