ALCALDÍA E ACCIÓN CULTURAL

Martiño Noriega reivindica a Compostela máis literaria na inauguración da Feira Internacional do Libro de Bos Aires

22/04/2016 Compostela foi protagonista na inauguración da 42ª Feira Internacional do Libro de Bos Aires, que nesta edición ten á capital galega como cidade invitada de honra. O acto contou coa intervención do alcalde compostelán, que reivindicou que "Santiago é sinónimo de literatura e de libros". Xunto con Martiño Noriega, na inauguración da Feira participaron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o vicexefe do Goberno de Bos Aires, Diego Santilli; o presidente da Fundación El Libro, Martín Gremmelspacher; e o escritor arxentino Alberto Manguel.

No seu discurso, o presidente da Xunta sinalou que Compostela é cidade invitada na Feira do Libro de Bos Aires despois de grandes urbes como Amsterdam, Sao Paulo ou México D.F. Martiño Noriega preguntouse como é posible "que unha cidade tan pequena no cuantitativo, aínda que non no cualitativo, esperte tanto interese", e apuntou que "quizais é porque Santiago é unha cidade de encontro, unha cidade universal, e polo seu idioma singular".

O rexedor, que pronunciou parte do seu discurso en galego, evocou as grandes nomes das letras galegas, como Rosalía de Castro e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, e reivindicou a súa vinculación con Compostela. Tamén lembrou que algunhas figuras relevantes como Castelao ou Isaac Díaz Pardo estiveron exiliados en Arxentina durante a Guerra Civil.

Noriega explicou no seu discurso que nas súas primeiras horas en Bos Aires puido comprobar a relación que o pobo galego ten coa capital arxentina "ao pasear polas súas rúas, os seus bares". Tamén destacou o grao de complicidade entre as dúas cidades e como a "diáspora galega seguiu iluminando desde a capital arxentina".

O alcalde sinalou que Compostela e Bos Aires son "dúas cidades unidas afectivamente por numerosos libros e tamén pola literatura e o libro, nexo de unión, de fraternidade entre os nosos dos pobos". Tamén lembrou que Compostela é cidade de editoras, de imprentas, de librarías e de impoñentes bibliotecas.

Unha das principais citas culturais de Latinoamérica
A Feira do Libro de Bos Aires é unha das principais citas culturais de Latinoamérica, e por ela pasan casa ano máis dun millón de persoas. Compostela, como cidade invitada, está presente nesta edición da feira cun espazo de 200 metros cadrados impulsado pola Xunta.

Unha trintena de autores galegos estarán presentes nos próximos días en Bos Aires, como Manuel Rivas, Xavier Queipo, Yolanda Castaño, Diego Ameixeiras, Teresa Moure, Clara Gayo, Antón Lopo, Elena Gallego, Luis González Tosar ou Fina Casalderrey.

A programación deseñada pola Xunta de Galicia inclúe presentacións de títulos editoriais, charlas, lecturas dramatizadas ou recitais. Tamén haberá mostras de fotografía e de cinematografía galega. O Concello organiza un ciclo propio, chamado Compostela Colateral, no que participarán Teresa Moure, Clara Gayo e Diego Ameixeiras, e no que se presentará o Mapa Literario de Santiago de Compostela.

Direccións relacionadas



Compartir: