ALCALDÍA

Comeza a axenda do alcalde en Bos Aires, na véspera da inauguración da Feira do Libro

20/04/2016 O alcalde, Martiño Noriega, atópase xa en Bos Aires, onde mañá participará na inauguración da Feira do Libro, que este ano ten a Compostela como cidade invitada. A axenda oficial do rexedor comeza hoxe mesmo, cunha visita institucional ao Goberno da capital arxentina, ás oito da tarde hora española (15:00 horas en Bos Aires). Martiño Noriega reuniráse co vicexefe do Goberno, Diego Santilli. Despois deste encontro, o alcalde compostelán visitará o Centro Galego en Bos Aires.

Mañá, o rexedor aproveitará as horas previas á inauguración da Feira do Libro para manter unha audiencia co embaixador de España en Bos Aires, Estanislao de Grandes Pascual. A Embaixada ten previsto ofrecer unha recepción oficial despois dese encontro.

Xa pola tarde, será a inauguración da 42ª Feira Internacional do Libro de Bos Aires. Martiño Noriega será unha das autoridades que interveñan no acto, despois do discurso do presidente da Fundación El Libro, Martín Gremmelspacher. Tamén están previstas as intervencións do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; do vicexefe de Goberno da cidade de Bos Aires, Diego Santilli; e do escritor Alberto Manguel. Ao remate da inauguración da Feira, vaise facer a presentación pública do stand da Xunta, no que o Concello conta cun espazo.

Compostela Colateral
A Xunta levou o impulso do proceso polo que Santiago é a cidade invitada na Feira do Libro de Bos Aires, pero o Concello fixo a súa achega cun ciclo paralelo denominado Compostela Colateral, no que participarán os escritores Teresa Moure, Clara Gayo, Diego Ameixeiras e Antón Lopo. A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentará en Bos Aires o Mapa literario de Santiago de Compostela, unha idea orixinal do colectivo Compostela Literario que nos permite descubrira capital galega a través da literatura. Este mapa, ademais de estar editado en papel, é unha App para teléfonos móbiles que facilita acceder a lugares que están vinculados a obras de autores como Rosalía de Castro, Otero Pedrayo, Valle-Inclán, Suso de Toro ou Lupe Gómez.

Compartir: