MEDIO RURAL

O PAS 2015 suporá investimentos de máis dun millón de euros na zona rural de Santiago

20/04/2016 O concelleiro de Medio Rural e Equilibrio Territorial deu conta hoxe dos proxectos que o Concello de Santiago vai executar con cargo ao Plan de Acción Social da Deputación da Coruña. Está previsto que o organismo provincial aprobe definitivamente as achegas do PAS 2015 nos vindeiros meses. As actuacións que o Concello incluíu no programa suporían un investimento na zona rural de Compostela de 1.025.932,22 euros. Rafael Peña aproveitou a súa comparecencia para informar do estado de tramitación dos proxectos incluídos no POS 2015, que suman máis de medio millón de euros.

O proxecto máis ambicioso dos incluídos no PAS 2015 beneficiará a Marrozos. Rafael Peña explicou que "esta parroquia está completamente atravesada polas vías do tren, e os seus principais accesos son antigas pontes do ferrocarril en desuso". A actuación deseñada pola Concellería do Medio Rural afectaralle aos lugares de Cañoteira-Outeiro. Cun orzamento de licitación de 381.049,76 euros, vaise ampliar ata os 6 metros de ancho o viario que lle da servizo a esta zona de Marrozos, e que é un dos principais accesos ao núcleo no que se atopan a igrexa, o campo da festa, e o centro sociocultural.

O proxecto contempla a construción dun muro de contención e a reposición de drenaxes, canalizacións e alumeado. Rafael Peña apuntou que "esta é unha primeira fase dun proxecto máis ambicioso, que se completará previsiblemente nunha próxima convocatoria da Deputación e que permitirá ampliar a ponte do ferrocarril. O proxecto desta segunda fase xa está encargado e pendente de avaliación económica". Deste xeito, atenderase "unha demanda histórica do movemento veciñal, porque esta zona de Marrozos tiña problemas de acceso tanto para servizos de emerxencia como para o transporte público".

A segunda actuación do PAS en canto a orzamento é o proxecto de acondicionamento de beirarrúas na rúa do Tambre, por un tipo de licitación de 298.760,45 euros. O concelleiro de Medio Rural explicou que as obras afectaranlle a un tramo de case un quilómetro, que une a parroquia de San Caetano co núcleo urbano de Santiago, a través de Meixonfrío. Rafael Peña sinalou que "esta era unha demanda histórica, que suporá unha clara mellora da seguridade viaria e da accesibilidade dunha zona na que é moi difícil o paso para persoas con mobilidade reducida ou mesmo para carriños de bebé".

O Concello tamén quixo aproveitar o Plan de Acción Social da Deputación para seguir mellorando o estado da rede viaria do rural de Santiago, e nese sentido incluíuse nesta convocatoria un proxecto de mellora e rehabilitación de pavimentos en viarios das parroquias de Villestro, O Eixo e Aríns, por un importe total de 162.358,33 euros.

Melloras no alumeado e na rede viaria
A través do Plan de Acción Social da Deputación da Coruña, o Concello vai financiar un proxecto para a mellora do alumeado nas parroquias de Busto, Figueiras, A Gracia, Grixoa e A Peregrina. O presuposto de licitación é de 79.571,15 euros, que permitirá renovar aproximadamente 400 puntos de luz "que datan de finais dos anos 70 ou principios dos 80 e para os que nin sequera se atopan reposicións no mercado". Rafael Peña salientou que a renovación destas luminarias "non só conseguirá unha maior eficiencia enerxética e unha redución do consumo, senón que tamén se triplicará a intensidade lumínica".

Outra das actuacións previstas no PAS é a remodelación dunha curva en Marzo de Arriba, na parroquia de Grixoa. A actuación conta cun orzamento de licitación de 55.580,14 euros, e permitirá atender unha vella demanda da veciñanza da zona "para a eliminación dun punto negro no que se rexistraron 16 accidentes nos últimos 10 anos, mesmo cun morto, e no que uns veciños tiveron que reparar o muro da súa casa en máis de cinco ocasións". Ata o de agora, segundo explicou o edil de Medio Rural, "fóronse adoptando solucións provisionais que resultaron pouco efectivas, e viuse necesaria unha solución estrutural que pasaba por unha modificación do trazado da curva".

As achegas do Plan de Acción Social tamén permitirán dotar de saneamento ao lugar de Sionlla de Abaixo, a última aldea da parroquia que quedaba sen este servizo. O investimento será de 48.612,39 euros, que mellorará sensiblemente a calidade de vida dunhas vinte casas e solucionará o problema da ausencia de auga potable nalgunha delas.

Por último, o concelleiro de Medio Rural informou da inclusión no PAS dun proxecto, presupostado en 37.095 euros, para a posta en valor de fontes e lavadoiros na zona rural. Rafael Peña explicou que esta actuación forma parte dun plan da súa Concellaría para todo o mandato que "persegue poñer en valor o patrimonio das parroquias compostelás, e telas en conta para algo máis que para o mantemento dos servizos básicos".

Obras do POS 2015
O concelleiro de Medio Rural informou tamén hoxe do estado de tramitación no que se atopan os proxectos incluídos no Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña. Dous deles están xa adxudicados e as obras comezarán previsiblemente en maio. Trátase da reparación, conservación e mantemento de viarios en Laraño, Villestro, Marrozos e Aríns, cun importe de 174.744,67 euros; e a reparación, conservación e mantemento de viarios en San Caetano, Santa Cristina de Fecha, San Xoán de Fecha, Nemenzo, A Peregrina e Figueiras, presupostado en 207.226,16 euros. Máis adiante, previsiblemente no verán, poderán comezar as obras de reparación, conservación e mantemento en Bando, Verdía, Busto, Carballal, Enfesta, Sabugueira e Marantes, por un total de 151.165,23 euros. En total, o investimento do POS 2015 será de 533.136,06 euros.

Finalmente, Rafael Peña sinalou que o Concello está rematando a tramitación dos proxectos incluídos no Plan de Obras e Servizos 2016, que xa foron aprobados pola Deputación da Coruña. Trátase de catro paquetes de obras, todos eles dedicados á mellora de pavimentación de viarios nun total de 17 parroquias do rural, e que sumarán un investimento de máis de 700.000 euros.

Fochancas
Preguntado polas obras de reparación de fochancas, Rafael Peña explicou que se leva actuado en máis de 9.000 metros cadrados da rede viaria, e agora estímase que sería preciso facer arranxos en 1.000 metros cadrados máis. O concelleiro advertiu que "o mal tempo dos últimos meses e a situación estrutural na que se atopaban as estradas farán que sigan aparecendo fochancas, se ben o Concello está traballando para mellorar a situación".

Nesa liña, lembrou que na Xunta de Goberno do pasado venres foron adxudicados dous contratos que suporán un investimento de case 150.000 euros en reparacións, e estase traballando na redacción dos pregos do novo contrato de mantemento, cun orzamento dun millón de euros. O edil confía en que estas obras poidan arrancar no verán.

Compartir: