CONSORCIO

Últimas semanas para solicitar as axudas á rehabilitación de carpinterías de madeira e reixas nos inmobles da cidade histórica

19/04/2016 O Consorcio de Santiago vai destinar 150.000 euros en axudas para a rehabilitación de carpinterías de madeira e reixas dos inmobles situados no ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica. Con esta iniciativa búscase mellorar a eficiencia enerxética das vivendas, co consecuente aforro económico para os cidadáns, xunto co seu illamento acústico.

Estas axudas están destinadas a fomentar a rehabilitación, restauración ou reposición daqueles elementos especiais e de interese arquitectónico de madeira como galerías, ventás e portas de entrada aos edificios; e promover a restauración das reixas e pezas de ferro existentes en portais, ventás e balcóns. Tamén se inclúe a reparación das pedras de soporte deterioradas e das unións aos muros por medio de enchumbados.

Requisitos
Poderán beneficiarse destas axudas as persoas propietarias, arrendatarias ou aquelas que ostenten algún dereito de uso sobre os inmobles; e as comunidades de propietarios. Os inmobles deberán reunir as condicións suficientes de seguridade estrutural e ser estancos fronte á chuvia, ademais de ter unha antigüidade superior aos 20 anos.

O nivel de ingresos da unidade de convivencia adquire unha especial relevancia nesta convocatoria á hora de avaliar as solicitudes. Ademais, primarase a incorporación de novos solicitantes, así como a superficie en metros cadrados de carpinterías de madeira ou de reixas. Valorarase o nivel de catalogación ou de interese arquitectónico do edificio ou vivenda e dos elementos singulares sobre os que se actúe. E, por último, darase preferencia aos inmobles destinados a vivenda e con ocupación permanente.

Os propietarios interesados en concorrer a esta convocatoria deberán presentar as solicitudes e a documentación pertinente no rexistro do Consorcio ou en calquera outro rexistro. A data límite é o día 19 de maio. Para consultar dúbidas, deberán acudir ás dependencias da Oficina Técnica do Consorcio, situada no número 59 da rúa do Vilar.

Compartir: