POLÍTICAS SOCIAIS

Máis de 300 persoas participarán na segunda edición do Camiño da Diversidade

19/04/2016 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, presentou acompañada de membros do Padroado da Fundación Ingada e dalgúns mozos e mozas da mesma, a segunda edición do Camiño da Diversidade. Celebrarase o vindeiro sábado, 23 de abril, con saída do Pino ou do Monte do Gozo e chegada na praza do Obradoiro.

O Camiño da Diversidade xorde da necesidade de facer unha chamada de atención á sociedade sobre a riqueza de integrar a todas as persoas, independentemente das diferenzas físicas ou psíquicas que existan. Concha Fernández destacou que "este tipo de iniciativas serven para visibilizar a integración social de todas as persoas, e neste caso especialmente das que padecen TDAH (trastorno de déficit de atención e hiperactividade)" e lembrou que "a diversidade é definida como o carácter do que é diverso, unha circunstancia que é moi positiva para o ser humano, porque nos fai entender que todos somos diferentes, pero merecemos que nos traten igual, coas mesmas oportunidades".

O II Camiño da Diversidade comezará ás 10:00 horas no Pino, a 15 km da praza do Obradoiro. Haberá autobuses que sairán dende A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, que deixarán os participantes no punto de partida e recolleranos para volver ás cidades de orixe. As persoas que o desexen poden sumarse á andaina no Monte do Gozo ás 16:30 horas e continuar dende alí á praza do Obradoiro, cuxa chegada está prevista para as 17:30 horas. Os membros da Fundación Indaga explicaron que á marcha tamén se incorporarán asociacións doutros puntos de Galicia e do resto do Estado. Posteriormente haberá un espectáculo de maxia e un concerto da Escola Infantil Municipal de Música da Coruña.

As persoas que queiran participar na andaina deberán enviar un correo electrónico a ingadanatureclub@gmail.com, sinalando nome, apelidos, idade e copia da transferencia bancaria de 15 euros en concepto de inscrición, ao número de conta ES63 2080 5480 9330 4012 9217. Os nenos e nenas participarán gratis pero deberán inscribirse na proba. Asignarase un monitor de Ingada en función dos grupos que se constitúan.

Recoméndase levar roupa e calzado cómodos, gorra, calcetíns de reposto e mesmo un bastón de apoio aquelas persoas que o precisen. Tamén se recomenda levar unha camiseta branca para a mellor identificación dos e das participantes e un chuvasqueiro.

Concurso de selfies
Para atraer a mocidade a esta aventura, organizarase un concurso de selfies que reflictan os catro valores que quere promover a Fundación con este Camiño da Diversidade (diversidade, solidariedade, traballo en equipo e valor cultural de Galicia). Un xurado independente outorgará os premios que vaia doando cada empresa ou entidade.

Admitirase unha foto por participante e os gañadores e gañadoras serán comunicados a través das redes sociais e da web da Fundación Ingada o 30 de abril.

Fundación Ingada
A Fundación Ingada aglutina as persoas que sofren TDAH e trastornos asociados. Coa idea de realizar actividades que melloren a calidade de vida destas persoas, a Fundación constituíu grupos xuvenís aos que tentan darlles certa autonomía, sempre co control e supervisión do equipo directivo, pero potenciando hábitos de vida saudables que aparten aos mozos e mozas doutros perigos que lles poidan resultar accesibles como as drogas ou o abandono escolar. Nesa liña creouse o Club da Natureza, que organiza actividades saudables e enriquecedoras para xente moza e adulta.

Compartir: