XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno legaliza a rehabilitación da antiga fábrica de curtidos de Ponte Sarela

15/04/2016 A Xunta de Goberno acordou hoxe a legalización da rehabilitación e ampliación da antiga fábrica de curtidos da Ribeira de San Lourenzo, no lugar de Ponte Sarela. A nova Lei do Solo de Galicia, aprobada en febreiro pasado, permite esta medida, ao modificar o tratamento lexislativo anterior sobre as actuacións sobre edificacións existentes de carácter tradicional. Deste xeito, o Concello non terá que executar a sentenza do Tribunal Supremo que ratificaba anteriores fallos do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia nos que se obrigaba a derrubar o 65% do complexo deseñado polo arquitecto Víctor López Cotelo e promovido por José Otero Pombo.

O proxecto de Ponte Sarela empezouse a xestar no ano 2000. Antes da súa execución, obtivo a licenza municipal e todos os informes favorables da Dirección Xeral de Urbanismo e da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta. A denuncia dunha particular orixinou un longo proceso xudicial de máis de nove anos, que rematou en xaneiro pasado, cando o Tribunal Supremo fixo firme o fallo que obrigaba a derrubar o 65% do complexo. Antes de executar esa sentenza, os servizos técnicos do Concello informaron da posibilidade de legalizar a actuación en base á nova Lei do Solo de Galicia.

O alcalde felicitouse pola legalización do complexo de Ponte Sarela que, lembrou, "foi premiado na Bienal de Arquitectura de Venecia, obtivo múltiples recoñecementos, e mesmo motivou que máis de 300 prestixiosos arquitectos asinaran un documento reclamando que non tivera que ser derrubado". Martiño Noriega sinalou que "xa houbera varios intentos de legalizar a actuación por parte de anteriores gobernos, porque este é un deses proxectos que pagan a pena". Ademais, o rexedor advertiu do perigo de que finalmente o Concello tivera que pagarlle unha indemnización ao promotor, dada conta de que o proxecto recibiu licenza municipal.

A actuación promovida por Otero Pombo converteu a antiga fábrica de curtidos de San Lourenzo nun hotel con 18 suites, un museo de oficios nos que se ían expor máis de 3.000 pezas de carácter etnográfico, e un espazo para mostrar produtos de coiro. O obxectivo era crear unha especie de centro de interpretación dos curtidoiros, de gran tradición en Santiago, e un establecemento turístico. A maiores, reservouse espazo para unha vivenda particular.

Transporte urbano
A Xunta de Goberno acordou hoxe a prórroga do orzamento do ano 2013 para o servizo de transporte urbano. O alcalde explicou que o Concello ten o deber de aprobar este presuposto ano a ano, "porque este é un servizo que xera un déficit de 3,4 millóns de euros anuais que hai que prorratearlle á empresa concesionaria". En 2014 e 2015 non se aprobou este orzamento, e hoxe acordouse prorrogar os orzamentos de 2013, coa actualización do IPC. O déficit previsto é de 3.486.403,51 euros, que supón pagos mensuais de 261.480 euros. Martiño Noriega sinalou que este déficit "está relacionado fundamentalmente co mantemento de liñas que son deficitarias pero necesarias para o equilibrio territorial, e coa política de subvencións e bonobús".

Ademais, o Executivo local deu conta dunha sentenza que obriga ao Concello a aboarlle á empresa concesionaria do transporte urbano 135.589,50 euros, en relación á liquidación do servizo en 2008 na que non se axustou correctamente o prezo do combustible. O rexedor lembrou que por este mesmo motivo o Concello xa tivera que abonar 300.000 euros en 2015, e lamentou que "sigan chegando sentenzas que supoñen un quebranto para a tesourería e para o equilibrio económico das arcas municipais".

Mantemento
Outro dos acordos da Xunta de Goberno deste venres foi a adxudicación do contrato do servizo de reparación de pavimentos de calzada con afección á seguridade vial. A empresa Eulogio Viñal ocuparase das actuacións, distribuídas en dous lotes orzamentados cada un deles en 60.000 euros máis IVE.

Este contrato permitirá darlle continuidade ás obras para a eliminación de fochancas que se veñen desenvolvendo nas últimas semanas, adxudicadas por un procedemento de urxencia avalado por informes da Policía Local. O alcalde sinalou que, tras os contratos aprobados hoxe, "adxudicaranse os novos contratos de mantemento previstos nos orzamentos de 2016, de xeito que as reparacións no viario continuarán ata o verán".

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: