TURISMO

Os concellos de Área Santiago reúnense para comezar a traballar nun novo convenio

12/04/2016 Responsables políticos dos 16 concellos do Grupo Área Santiago reuníronse esta mañá no edificio Cersia nunha xuntanza extraordinaria para facer un repaso do traballo feito ata o momento, das liñas que se desenvolverán neste ano 2016 e comezar xa a definir as liñas mestras do convenio que asinarán para continuar co traballo de promoción turística conxunta nos vindeiros anos.

Os catro eixos principais de traballo conxunto de Área Santiago ata o momento foron: a comunicación e promoción do destino, con ferramentas propias como unha páxina web, presenza en redes sociais, folletos, mapas...; a aposta polo turismo fluvial e a pesca como valores destacados do territorio; o fomento da gastronomía de produto de temporada; e o desenvolvemento de paquetes e excursións para coñecer os arredores de Santiago.

Na xuntanza de hoxe no Cersia presentáronse as grandes liñas de actuación para este ano 2016, centradas na consolidación dos traballos feitos ata o momento nos principais eixos do Grupo.

Área Santiago comezou a súa andaina en marzo do 2013 cando, a proposta do Concello de Santiago, se reuniron varios concellos da área de influencia da capital de Galicia para estudar as posibilidades de promoción turística conxunta. En maio dese mesmo ano, tras varias reunións de intercambio de opinións, os concellos asinaron un protocolo de colaboración no ámbito turístico.

A sinatura do protocolo de colaboración permitiu que Área Santiago deseñase e desenvolvese un programa de accións conxuntas para o período 2013-2014. En setembro do 2014, os 16 concellos asinaron un convenio de colaboración, que estará en vigor ata finais deste ano 2016.

Os asistentes á xuntanza amosaron a súa satisfacción cos resultados obtidos ata o momento polo Grupo e o seu compromiso coa elaboración e sinatura dun novo convenio para seguir traballando conxuntamente na súa promoción turística.

Os 16 concellos do grupo Área Santiago son: A Estrada, Arzúa, Boqueixón, Lalín, Melide, Padrón, Oroso, O Pino, Rois, Santiago de Compostela, Silleda, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vila de Cruces. Entre eles suman máis de 200.000 habitantes.

Compartir: