ALCALDÍA

O alcalde reitera a vontade de modificar a ordenanza de vaos e insiste en que non se están a enviar requirimentos masivos ás comunidades de propietarios

08/04/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, aproveitou a rolda de prensa da Xunta de Goberno para reiterar o compromiso municipal, ratificado en pleno por unanimidade da Corporación, de modificar a Ordenanza reguladora de actividades, instalacións e ocupacións da vía pública no que ten que ver cos vaos da cidade. En calquera caso, ata dispor da normativa modificada e no marco legal actual, indicou que a vontade segue a ser a de non facer requirimentos masivos de reparación, senón unicamente nos casos nos que conste denuncia a través da Policía Local.

Noriega quixo aclarar que o Concello só ten realizado requirimentos de reparación a 13 vaos, dos máis de 1.600 cos que conta a cidade e que, en ningún caso, houbo notificacións masivas. Trátase de requirimentos derivados de denuncias constatadas pola Policía Local e, a este respecto, lembrou que a súa principal preocupación neste tema son as persoas que poidan sufrir lesións polas deficiencias no pavimento.

Cómpre recordar que a Ordenanza actual, aprobada no pasado mandato, sinala que os titulares dos vaos están obrigados "a manter en bo estado de conservación os pavimentos e a limpeza dos accesos ao inmoble de graxas, aceites ou outros elementos que puideran depositarse como consecuencia da entrada e saída de vehículos". En aplicación desta norma en vigor, o Concello remitiulle a varias comunidades de propietarios un requirimento para facerse cargo da reparación dalgúns tramos de beirarrúas moi deteriorados polo paso de vehículos cara os garaxes. "É o marco legal no que nos movemos, non un capricho", insistiu o alcalde.

Martiño Noriega explicou que as comunidades de veciños "teñen seguros contratados", aclarando que son estes os que se deben facer cargo das reparacións e non os propios veciños. "Hai comunidades que xa operaron a través do seu seguro e, no resto dos casos, eu son partidario de que o Concello execute as obras, aínda que logo se lle cargue o seu importe ao seguro da comunidade de veciños", engadiu. O importe total dos arranxos reclamados a 13 comunidades de veciños é dalgo máis de 10.000 euros.

Banda Municipal
Preguntado tamén na rolda de prensa sobre a dimisión do director da Banda Municipal, o alcalde manifestou que a falta de efectivos na formación musical –neste caso dunha praza de oboe, dunha de trompa e doutra de fagot- é unha "situación estrutural", derivada da limitación da taxa de reposición, e que "xa existía cando o director tomou a responsabilidade da Banda en 2013". Neste sentido, lembrou que o "déficit de persoal" afecta a moitos departamentos municipais, algúns "baixo mínimos".

No caso da Banda, dixo, esta situación intentou "parchearse" nos últimos anos con "contratacións ou interinidades temporais ou contratos de prácticas". E dado que a imposibilidade de cubrir vacantes persiste, lembrou que se están buscando fórmulas en base a bolsas de prácticas e en contacto directo coas institucións académicas musicais da cidade, tal como explicara a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra.

O alcalde apuntou que falara hoxe mesmo con Juan Miguel Romero, que formulou a súa dimisión co horizonte do mes de maio para "ver se somos capaces de subsanar esta situación". "Eu non lle podo prometer nada", dixo Martiño Noriega, referíndose de novo ás limitacións legais, salvo seguir traballando para "buscar esas fórmulas".

Finalmente, o rexedor destacou o "bo traballo de dirección" de Juan Miguel Romero, expresando a molestia que lle producen "outras valoracións" sobre este tema. Así, lembrou que el mesmo asinou o pasado ano a prórroga do seu contrato de director da Banda ata o 31 de outubro de 2016.

Compartir: