POLÍTICAS SOCIAIS

Máis de 370 deportistas participarán na XXI edición dos xogos "Special Olympics"

08/04/2016 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidades e Saúde, Concha Fernández, presentou xunto ao presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández, e un representante de ASPAS, a 21ª edición dos Xogos Minoritarios "Special Olympics" que organizan ambas entidades. Celebrarase este sábado, 9 de abril, no Multiúsos Fontes do Sar.

Os xogos contarán coa participación de 23 asociacións, que desprazarán un total de 377 deportistas con discapacidade intelectual e 99 adestradores e adestradoras. Ademais, participarán 105 voluntarios. En total, trátase dunha actividade na que participarán 643 persoas, que serán exemplo de integración e deporte limpo.

A xornada deportiva, aberta ao público e de entrada gratuíta, inaugurarase ás 10:45 horas, momento no que terá lugar o desfile de todos os deportistas das entidades participantes, e prolongarase ata as 19:00 horas. A concelleira de Políticas Sociais destacou "o espírito de superación que amosan estas persoas no seu día a día e moi especialmente en eventos deportivos coma estes que as institucións públicas debemos promover e fomentar".

Probas motrices
Ademais de participar nas modalidades de tenis de mesa, bádminton e petanca, tamén se celebrarán probas motrices, compostas por desprazamento, tiro de disco, recepción de pelotas, lanzamento a canastra, lanzamento de precisión, tiro a portería, raquetas e pelotas, equilibrio dinámico, desprazamento con diferentes apoios e bolos.

Os Xogos Autonómicos de Deportes Minoritarios destacan por formar parte do Programa "Juntos lo logramos" da Fundación MAPFRE e por constituír unha das principais citas que Special Olympics Galicia organiza tódolos anos como parte do seu sólido e amplo programa de actividades deportivas dirixidas ás persoas con discapacidade intelectual.

Este programa ten como obxectivo a integración social a través do deporte das persoas con maiores dificultades, así coma o fomento da participación das persoas con discapacidade intelectual e a promoción do voluntariado corporativo.

Special Olympics Galicia
Asociación de Pais, Profesionais e Amigos de Persoas con Discapacidade Intelectual, é unha organización sen ánimo de lucro creada no ano 2000, por acordo de 17 asociacións das diferentes provincias de Galicia.

As súa finalidade pasa pola promoción e a inserción social das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias mediante o lecer, o tempo libre, a cultura e o deporte.

ASPAS
Trátase dunha asociación de familias que nace co fin de traballar pola mellora da vida das persoas con discapacidade intelectual e as súas familias, facilitando os apoios necesarios para a defensa dos seus dereitos.

Unha organización sen fin de lucro que promove servizos con criterios de calidade, axustados ás necesidades das persoas e que incrementen o seu grao persoal de benestar, autonomía e integración social.

FADEMGA
A Federación Galega de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento (FADEMGA Plena Inclusión) é unha entidade constituída como asociación e que aglutina, como federación que é, a un bo número de asociacións de familiares e profesionais de persoas con discapacidade intelectual de Galicia.

Actualmente son 40 as asociacións membro de FADEMGA. Entre os obxectivos destaca a consecución dunha plena integración social, laboral e familiar das persoas con discapacidade intelectual, o fomento da constitución de asociación, a divulgación de información xeral e/ou especializada que poida ser de interese ou a denuncia dos casos.

Compartir: