XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno autoriza o reinicio das obras pendentes da 1º fase en Vista Alegre

08/04/2016 A Xunta de Goberno Local, na súa sesión ordinaria deste venres, autorizou o reinicio das obras da fase 1 suspendidas no seu día no barrio de Vista Alegre. Tamén se procedeu á prórroga por un ano máis dos servizos de recollida do lixo, da conservación e mantemento do cemiterio de Boisaca e da xestión da Escola Infantil de Meixonfrío-Salgueiriños.

O Goberno local acordou reiniciar as obras da fase 1 que foran suspendidas de xeito temporal o 8 de xaneiro por afectar a ámbitos que lindaban coas fases 2 e 3 das devanditas obras de mellora da mobilidade e accesibilidade do barrio de Vista Alegre. Tal como indicou o alcalde e voceiro da Xunta de Goberno, Martiño Noriega, o avance da fase II, en execución, permite agora retomar estes traballos pendentes da fase 2, que cifrou nun 10% do total, aproximadamente.

Tamén en relación ás obras de Vista Alegre, o Executivo local comunicou a empresa Petrolam A Veiga, titular do contrato para a execución das obras da fase 2, subcontratará coa empresa Eulogio Viñal Obras y Construcciones S.A. unha serie traballos, cuantificados nun 26,19% do importe total (688.187,21 euros máis IVE). Lembrou o alcalde que esta empresa, en calquera caso, ten aberto un expediente de penalizacións polo retraso do inicio das obras.

Prórroga a Urbaser
Outro dos acordos da Xunta de Goberno foi a prórroga por un ano á empresa Urbaser do contrato de xestión do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos, limpeza viaria, explotación de puntos limpos e mantemento de contedores e papeleiras. O contrato prolóngase ata o 17 de abril de 2017.

O importe mensual queda fixado en 589.442,25 euros máis IVE, se ben a partir do 1 de outubro de 2016 este canon baixará a 583.243,30 euros porque quedarán totalmente amortizados varios vehículos tanto de limpeza como de recollida.

Sinalización viaria
Seguindo coas competencias de Medio Ambiente e Convivencia, adxudicouse á empresa ACEINSA Movilidad S.A o servizo de conservación, mantemento, reposición e nova implantación da sinalización horizontal e vertical, bolardos, elementos de protección, ordenación e balizamento do tráfico do termo municipal de Santiago. O contrato, por un importe máximo de 416.809,33 euros/ano máis IVE, terá vixencia ata o ano 2020.

Cemiterio de Boisaca
Tamén se acordou prorrogar coa sociedade Funeraria Tanatorio Apóstolo Santiago S.L, polo prazo dun ano (ata o 11 de abril de 2017), o servizo de conservación e mantemento do Cemiterio Municipal de Santiago de Compostela, en Boisaca, por un importe total de 141.207,87 euros. Esta é a segunda prórroga do contrato, non existindo a posibilidade de máis.

Escola Infantil de Meixonfrío-Salgueiriños
A terceira prórroga ratificada polo Goberno local foi a da xestión da Escola Infantil de Meixonfrío-Salgueiriños, coa empresa SERMASA, ata o 18 de abril de 2017, por un importe total de 278.054,95 euros.

Lembrou Martiño Noriega que a vontade municipal era a de licitar conxuntamente a xestión desta escola municipal coa das escolas de Conxo e Fontiñas, pero que unha sentencia xudicial relativa a estas dúas últimas obrigou a retrotraer o procedemento.

Womex 2016
Finalmente, acordouse solicitar á Deputación Provincial da Coruña unha subvención de 215.000 euros para o financiamento de actividades de cesión de marca e patrocinio do Womex 2016, que se celebrará en Santiago do 19 ao 23 de outubro. Tal como explicou o alcalde, o Concello xa achegou 110.000 euros para este evento no exercicio anterior. En 2016, correspóndelle ao Concello contribuír con outros 75.000 euros, e á Xunta de Galicia con 100.000 euros.

Documentos relacionados



Compartir: