LINGUA

O programa Apego incorpora once novos concellos despois dun ano de andaina

07/04/2016 O vindeiro sábado, o Centro Ágora da Coruña, acollerá o acto de adhesión de novos concellos ao programa Apego, de promoción e transmisión da lingua ás nenas e nenos. Á sinatura asistirá o alcalde compostelán, Martiño Noriega.

O programa Apego naceu en marzo de 2015 como un protocolo de colaboración que asinaron os concellos da Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago e Vigo. O próximo sábado, a esta lista sumaranse A Coruña, Ames, Mazaricos, Moaña, Muros, Oleiros, Ponteceso, Rianxo, Ribadeo, Teo e Vimianzo.

O programa Apego inclúe accións centradas nas crianzas de 0 a 6 anos, para as que se deseñaron materiais específicos e actividades que abranguen os diferentes contextos da vida das nenas e nenos. En todas elas se fai unha reflexión sobre a necesidade de que colectiva e individualmente nos comprometamos coa herdanza que é a lingua, para que no futuro poidamos seguir gozando dela.

O proxecto, liderado polos servizos de normalización lingüística dos concellos participantes, chegará a partir do sábado a unha poboación que supera o 1.100.000 habitantes dos 23 municipios. Entre eles atópanse as principais áreas urbanas de Galicia, onde máis cómpre incentivar e facilitar a socialización en galego da infancia.

Toda a información sobre a programa pódese atopar na rede: www.apego.gal e www.facebook.com/apego.gal.

Compartir: