DEPORTE

Todo listo para a terceira edición da MediaSan do Camiño

07/04/2016 O vindeiro domingo, 10 de abril, Compostela acollerá a III MediaSan do Camiño, que transcorrerá no último tramo do Camiño entre Arca- Pedrouzo (O Pino) e a praza do Obradoiro. A proba, cunha distancia de pouco máis de 21 quilómetros, comezará ás 10:00 horas.

A concelleira de Deporte, Noa Morales, presentou esta MediaSan do Camiño acompañada de Iván Sanmartín, delegado en Santiago da Federación Galega de Atletismo, e de Raquel Suárez, gañadora da edición do ano pasado na categoría feminina. Os tres coincidiron en resaltar a combinación de beleza e dureza que fai especialmente atractiva esta proba, que intenta converterse nunha referencia do calendario atlético galego e español.

Esta é unha carreira "esixente" pola súa dureza, "compensada polo éxito que supón chegar á praza do Obradoiro e pola beleza do percorrido", apuntou Iván Sanmartín. Neste sentido, Raquel Suárez falou da "emoción" que producía compartir durante parte do percorrido cos propios peregrinos que se están achegando a Santiago. Respecto á dureza, a atleta compostelá resaltou máis que as subidas as baixadas, "agresivas para as costas".

A principal novidade desta edición está no trazado, que tivo que ser variado lixeiramente a consecuencia das obras na AP-9. Deste xeito, a chegada á zona de Sar, que nas anteriores dúas edicións se realizou pola zona de Viso, desta vez efectuarase a través de San Lázaro e Fontiñas, para logo continuar o percorrido habitual.

A carreira comezará ás 10:00 horas en Arca (O Pino) e a previsión é que os primeiros corredores cheguen á praza do Obradoiro a iso das 11:15 horas. Inscribíronse na proba 449 atletas.

Todos os que rematen a carreira recibirán un agasallo. Ademais, haberá premios en metálico para os seis primeiros clasificados tanto na categoría feminina como na masculina (400, 250, 150, 100, 75 e 50 euros, respectivamente), e para os tres mellores clubs (300, 200 e 100 euros).

Direccións relacionadas



Compartir: