ESPAZOS CIDADÁNS

En marcha a convocatoria de novas axudas para as áreas de rehabilitación de Vista Alegre, Pontepedriña e Cidade Histórica

05/04/2016 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade deu conta hoxe da convocatoria de subvencións para a rehabilitación de edificios e vivendas nas ARIs de Vista Alegre, Cidade Histórica e os grupos de vivendas Compostela e Cardeal Quiroga Palacios, na Pontepedriña. Jorge Duarte tamén informou da convocatoria de subvencións do Programa de rexeneración e renovación urbanas da ARI dos Camiños de Santiago, que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda publicou onte no Diario Oficial de Galicia.

En canto ás Áreas de Rehabilitación Integral da cidade, a Xunta de Goberno aprobou a convocatoria de axudas da Fase 7 de Vista Alegre, a Fase 14 da Cidade Histórica e a Fase 4 dos grupos de vivendas Compostela e Cardeal Quiroga Palacios de Pontepedriña.

Das axudas, enmarcadas no Programa de rexeneración e renovación urbanas do Plan estatal 2013-2016, poden beneficiarse comunidades de propietarios formalmente constituídas, agrupacións de comunidades de propietarios ou propietarios únicos de edificios de vivendas situados no ámbito territorial das distintas áreas de rehabilitación integral. As actuacións subvencionables son as que teñen que ver co "mantemento e intervención en edificios de vivendas, instalacións fixas, equipamento propio e elementos comúns, co fin de adecualos á normativa vixente". No caso de Vista Alegre, as actuacións incluirán, en todo caso, a instalación de ascensores. Ademais, as actuacións obxecto de axuda, salvo que se limiten exclusivamente á rehabilitación de vivenda ou instalación de ascensor, estarán condicionadas á mellora da cualificación enerxética do edificio.

A contía das subvencións será, nas tres ARIs, do 35% do custo das actuacións subvencionables no caso de melloras de eficiencia enerxética, e do 50% no caso de melloras de accesibilidade. O importe máximo será de 11.000 euros por vivenda. A partida total dispoñible para as axudas é de 825.000 euros. No caso da Fase 7 de Vista Alegre, a contía máxima dos créditos orzamentarios é de 586.875,23 euros (245.875,23 euros da anualidade de 2015 e 340.000 da anualidade de 2016); para as axudas da ARI da Cidade Histórica resérvanse 186.044,77 euros (60.519,22 euros de 2015 e 125.525,55 de 2016); e para os grupos de vivendas Compostela e Cardeal Quiroga Palacios recóllense 52.080 euros (18.983,68 euros de 2015 e 33.096,32 de 2016). En todos os casos, é posible executar obras en 2016 imputadas á anualidade de 2015.

Demanda de máis subvencións
O concelleiro de Espazos Cidadáns explicou que o reparto das contías "é desigual porque se tivo en conta as actuacións que se poden realizar en cada Área de Rehabilitación Integral". Así, a partida máis baixa é a destinada á Pontepedriña "porque dende 2010 quedou pendente de desenvolver o estudo de detalle dos grupos de vivendas, imprescindible para a instalación de ascensores, e xa que logo nesta ARI só se poden solicitar axudas para mellora integral de fachadas". O Concello está a traballar agora nese estudo de detalle, de cara a futuras convocatorias de subvencións, e hoxe mesmo está prevista unha reunión coa Asociación de Veciños.

A maior contía é para as subvencións na ARI de Vista Alegre, ás que poderán acceder cinco bloques de vivendas nos que se van instalar ascensores e nos que se mellorarán as fachadas. Jorge Duarte lamentou que estas axudas serán para comunidades que as solicitaron en 2012, e de feito sinalou que outros catro bloques dese barrio que pediron a axuda en 2012 seguen á espera de que haxa consignación orzamentaria por parte do Ministerio de Fomento. O concelleiro de Espazos Cidadáns reclamou un aumento das axudas no Plan Estatal 2017-2020, no que tamén se incluirán as achegas para a nova Área de Rehabilitación Integral de Vite.

Vivendas do Camiño
O concelleiro de Espazos Cidadáns tamén informou da resolución aprobada pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda o pasado 18 de marzo, e publicada onte mesmo no Diario Oficial de Galicia, pola que se convocan as subvencións para actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas no ámbito da ARI dos Camiños de Santiago, tamén no marco do Plan Estatal de Vivenda 2013-2016.

O prazo para solicitar estas subvencións comeza hoxe e rematará o 30 de novembro ou previamente se se esgota a partida orzamentaria prevista para a convocatoria, que ascende a un total 2.700.000 euros. Nesta convocatoria, a contía máxima das axudas non poderá exceder o 35% do custo subvencionable da actuación, cun importe máximo de 11.000 euros por vivenda. As obras deben estar rematadas o 30 de novembro.

As actuacións en vivendas que poden ser destinatarias destas axudas son as que están dirixidas a adecuar os edificios á normativa vixente (melloras na seguridade ou salubridade, protección fronte á humidade, adecuación ao entorno e protección do patrimonio…), mellorar a eficiencia enerxética ou garantir a accesibilidade.

As solicitudes deberán dirixirse á área provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo, e preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario dispoñible na web da Xunta de Galicia.

Jorge Duarte explicou que o Concello e a Consellería de Infraestruturas chegaron a un acordo para axilizar no máximo posible a tramitación das actuacións subvencionables, á vista do escaso prazo que queda para a execución das obras. Así, o departamento municipal de Urbanismo emitirá os informes preceptivos no prazo dun mes, o mesmo que se marca a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta para aprobar os seus, previos á execución dos traballos e á concesión das axudas.

Compartir: