TURISMO

A primeira edición de Santiago Paixón Doce rematou cunha boa acollida do sector

05/04/2016 A concelleira de Turismo, Marta Lois, e os presidentes da Asociación Hostalería Compostela, Sara Santos e José Antonio Riveiro, valoraron os resultados de Santiago Paixón Doce, novo programa gastronómico que naceu coa idea de promocionar como atractivo turístico a tradición larpeira da cidade durante a pasada Semana Santa. Tanto o Concello como a Asociación fixeron unha valoración positiva da acollida da primeira edición do evento.

Santiago Paixón Doce celebrouse do 18 ao 27 de marzo. No evento participaron 20 cafeterías e restaurantes da cidade, que incluíron nas súas cartas produtos e preparacións doces tradicionais da Semana Santa, como torrixas, leite fritida, bolos de vento, rosquillas, melindres, rosca, chocolates "de paixón" ou tortas. Estes doces puideron tomarse como sobremesa, tras as comidas ou ceas, ou incluso na propia barra dos locais, sen ter que pedir un menú.

Segundo os datos proporcionados polos propios estabelecementos, o consumo situouse arredor dos 1.500 doces durante os dez días de duración do evento. Tanto a concelleira coma os presidentes da Asociación sinalaron que Santiago Paixón Doce serviu para promocionar a gastronomía máis típica da cidade nas datas de Semana Santa. Pero ademais serviu para reforzar a coorganización de eventos entre o Concello e a Asociación seguindo o modelo inaugurado na última edición de Santiago(é)tapas.

Santiago Paixón Doce foi organizado conxuntamente por Turismo de Santiago e a Asociación Hostalería Compostela. O obxectivo do evento foi dobre: dinamizar o consumo nos locais de Santiago durante a Semana Santa e continuar consolidando a cidade como destino turístico gastronómico partindo dos produtos e elaboracións típicas de tempada.

Datos de Semana Santa
Segundo os datos da Asociación Hostalería Compostela, a ocupación media durante a Semana Santa foi dun 89% en hoteis e dun 87% en pensións. Trátase dun dato global tendo en conta os estabelecementos do casco histórico, da zona nova e dos arredores da cidade. No casco histórico en particular, a ocupación media foi do 90%, lográndose a ocupación plena nalgúns establecementos os días xoves, venres e sábado.

O persoal da Oficina de Información Turística de Santiago atendeu na Semana Santa 5.428 consultas, un 17% máis que no 2014. É a cifra máis alta de consultas atendidas durante as datas de Semana Santa dos últimos anos. O crecemento das consultas neste período apoiouse nun aumento do 35% das consultas domésticas.

Compartir: