ACCIÓN CULTURAL

Concerto do grupo Oni Wytars este Xoves Santo dentro do ciclo "De lugares e órganos"

23/03/2016 De lugares e órganos, o programa de música e outras paisaxes de Compostela que organiza a Concellaría de Acción Cultural para esta Semana Santa, ofrece na xornada deste Xoves Santo un concerto do grupo Oni Wytars. Baixo o nome de "Venite a laudare! Laudas e cancións devocionais do Medievo e Renacemento", poderemos escoitalos na igrexa da Compañía ou da Universidade a partir das 20:00 horas.

As entradas para as actividades e concertos son de balde previa retirada de invitación no despacho de billetes do Teatro Principal, aberto de 18:00 a 21:00 horas. De non esgotarse, tamén se poderán recoller o propio día da actividade no lugar de celebración da mesma dende unha hora antes do seu comezo. As invitacións serán válidas ata 10 minutos antes do inicio da actividade. A partir dese momento, a organización resérvase o dereito a empregar as localidades non ocupadas.

O programa do grupo Oni Wytars céntrase no repertorio de cancións recollidas, na Italia do Medievo, nos denominados "laudarios", coleccións de cancións de loanza a Deus, á Virxe e aos Santos, que eran cantadas polas rúas, polas confrarías do Sancto Spirito, co fin de propagar a mensaxe renovadora da igrexa, lanzada polo santo Francisco de Asís.

As cancións eran sinxelas, escritas en lingua vernácula e enraizadas na tradición popular, tanto rítmica como melodicamente e, rapidamente, prendían nas xentes máis humildes. No concerto interpretarase unha selección de laudas medievais italianas, procedentes do Laudario di Cortona (s. XIII), canda outras pezas que son mostra da posterior evolución que as laudas experimentaron cara outras formas musicais.

Liderado polo carismático Marco Ambrosini, Oni Wytars é unha das formacións máis emblemáticas e un referente dentro do mundo da música antiga. Con máis de 30 anos de existencia, levan actuado nos máis diversos escenarios de varios continentes. O seu estilo, dificilmente clasificable pero inconfundible, nútrese de moi diversas influencias culturais e musicais, tanto na instrumentación como na interpretación, na que xoga tamén un importante papel a improvisación

Completan a formación Belinda Sykes, canto; Peter Rabanser, canto, laúde e cornamusa; Riccardo Delfino, canto e arpa; Katharina Dustmann, percusións; Michael Posch, frautas; e Eva-Maria Rusche, órgano e órgano portativo.

Direccións relacionadas



Compartir: