TURISMO

Últimos días para probar as larpeiradas de "Santiago Paixón Doce"

23/03/2016 A primeira edición de Santiago Paixón Doce remata este domingo 27 de marzo. Neste primeiro ano participan máis de 20 cafeterías e restaurantes da cidade, que inclúen nas súas cartas produtos e preparacións doces tradicionais da Semana Santa, como torrixas, leite fritida, bolos de vento, rosquillas, melindres, rosca, chocolates "de paixón" ou tortas. Estes doces poden tomarse como sobremesa, tras as comidas ou ceas, ou incluso na propia barra dos locais, sen ter que pedir un menú.

Os locais participantes en Santiago Paixón Doce son: Bicoca, Metate, Recantos, O Celme do Caracol, A Cuchara do Villar, Los Caracoles, Casino, Cre-Cotte, Rey, Orfeón-San Francisco Hotel Monumento, Cervantes, Airiños Aires, Caney, Coruña, Stollen, Polígono, Mesón Ferradura, Góndola, Góndola II, Farggi e Tapería Castelao.

Entre as propostas dos locais participantes poden atoparse propostas tradicionais, como "Leite fritido de Venres Santo", "Arroz con leite do convento", "Torrixas de Mércores Santo" ou "Rosca de Pascua". Pero tamén poder atoparse propostas máis innovadoras, elaboradas a partires da tradición, como "Paixón de café con crocante de améndoa", "Rosca de Pascua de froitos vermellos" ou "Filloas recheas de crema con salsa de laranxa e noces".

Santiago Paixón Doce está organizado conxuntamente por Turismo de Santiago e a Asociación Hostalería Compostela. O obxectivo do evento é dobre: dinamizar o consumo nos locais de Santiago durante a Semana Santa e, ao mesmo tempo, continuar consolidando a cidade como destino turístico gastronómico apoiándose nos produtos propios e elaboracións típicas de tempada e na tradición larpeira de Santiago.

Direccións relacionadas



Compartir: