CONSORCIO

A cidade de Santiago disporá dunha ferramenta informática destinada a mellorar a súa sostibilidade enerxética

23/03/2016 O Consorcio de Santiago participa no proxecto europeo FASUDIR, centrado en xerar unha ferramenta web que facilite a toma de decisións de cara a lograr a eficiencia enerxética dos edificios e barrios das cidades de Europa. Esta iniciativa púxose en marcha en 2013 e concluirá a finais deste ano. Está integrado por 11 socios de cinco países: España, Italia, Gran Bretaña, Hungría e Alemaña.

Entre os tres socios que participan por parte de España atópase o Consorcio de Santiago e a cidade compostelá intervén como caso de estudo, xunto con barrios de Frankfurt e Budapest. Os socios do proxecto reuníronse estes días en Roma, onde se presentou unha versión avanzada da ferramenta.

A arquitecta do Consorcio que coordina este proxecto, Idoia Camiruaga, explica que "esta ferramenta simula as condicións climáticas e socioeconómicas dun distrito urbano co propósito de determinar que áreas e mesmo que edificios teñen, en relación ao consumo, entre outros indicadores, máis capacidade para producir enerxías renovables e cales, pola contra, están en peores condicións para conseguilo".

No caso de Santiago pártese dunha área da cidade histórica que abrangue os barrios do Castiñeiro, Pelamios e Vista Alegre. "É unha área rica socialmente, cunha variedade de usos moi alta, con vivendas históricas e do século XX, edificios de uso universitario, sociocultural, deportivo, aparcadoiros… e tamén con moito espazo verde", sinala a arquitecta do Consorcio.

"Trátase dunha ferramenta moi útil para responsables políticos, administradores de fincas e tamén para os propietarios ou usuarios de edificios e vivendas e permite escoller a estratexia de rehabilitación máis axeitada dende o punto de vista enerxético, ambiental e socioeconómico", indica Camiruaga. Salienta que "a finalidade é mellorar a sostibilidade da cidade partindo dos distintos barrios ou distritos urbanos, a través de intervencións tanto nos edificios como nos espazos públicos".

Compartir: