CENTROS SOCIOCULTURAIS

Ábrese a inscrición para a viaxe a Sanabria do programa "Imos de excursión 2016"

23/03/2016 Dende as 17:00 horas do vindeiro martes, 29 de marzo, estará aberto o prazo de inscrición na segunda das viaxes do programa Imos de excursión 2016. Os interesados poden así reservar praza para unha viaxe a Sanabria (Zamora) prevista para o domingo 10 de abril. A inscrición pode formalizarse presencialmente nos centros socioculturais. Na reserva de prazas, que son limitadas, teñen preferencia os empadroados en Santiago.

Esta viaxe ten un prezo de 27 euros por persoa, no que está incluído viaxe, xantar, guía, entradas e seguro. Os participantes poderán contemplar o casco histórico de Puebla de Sanabria, no que destaca o seu castelo, ao cal se realizará unha visita. A expedición continuará o percorrido polo Museo de Xigantes e Cabezudos e, logo do xantar concertado, chegará ao Parque Natural do Lago de Sanabria.

Imos de excursión
O programa Imos de excursión, promovido pola Rede de Centros Socioculturais, ofrece neste 2016 un total de 14 viaxes, das que 5 son excursións dun día e 9 viaxes de varias xornadas. O calendario presenta unha lista de atractivos destinos para todos os públicos, cos que gozar dun tempo de lecer compartido visitando o patrimonio histórico, cultural e natural galego, español e portugués.

As viaxes realizaranse en sábados, domingos e pontes festivas. En canto ás viaxes de varias xornadas, ademais da prevista para esta Semana Santa ao País Vasco, este ano programáronse visitas a Andalucía (do 5 ao 8 de maio), ao Algarve (do 14 ao 17 de xullo), a Cataluña (do 8 ao 12 de outubro), ao Alentello (do 29 de outubro ao 1 de novembro), ás Termas de Lobios (do 21 ao 23 de novembro) e a Lisboa (do 3 ao 6 de decembro). Tamén haberá viaxes de dous días a León (28 e 29 de maio) e a Porto (18 e 19 de xuño). Finalmente, as cinco excursións dun día terán como destino Sanabria (10 de abril), a Costa Ártabra (24 de abril), a Mariña lucense (3 de xuño), o Piornedo (18 de setembro) e o San Martiño (11 de novembro).

Documentos relacionados



Compartir: