PLENO

A Corporación acorda revisar a ordenanza que regula os vados da cidade

17/03/2016 O pleno da Corporación acordou, na sesión ordinaria de marzo, revisar a Ordenanza reguladora de actividades, instalacións e ocupacións da vía pública, no que ten que ver cos vados da cidade. A decisión foi adoptada por unanimidade polos catro grupos municipais.

A actual Ordenanza reguladora de actividades, instalacións e ocupacións da vía pública foi aprobada polo Pleno da Corporación o 25 de outubro de 2012. O seu título V é o que regula as licenzas para a entrada e saída de vehículos e reservas para aparcamento exclusivo e, en concreto, os artigos 89 e 90 fan referencia aos dereitos e obrigas dos titulares das pasaxes dos vehículos. Así, a Ordenanza aprobada na pasada lexislatura sinala que os titulares das pasaxes está obrigados "a manter en bo estado de conservación os pavimentos e a limpeza dos accesos ao inmoble de graxas, aceites ou outros elementos que puideran depositarse como consecuencia da entrada e saída de vehículos".

En aplicación desta ordenanza en vigor, o Concello remitiulle á diversas comunidades de propietarios un requirimento para facerse cargo da reparación dalgúns tramos de beirarrúas moi deteriorados polo paso de vehículos cara os garaxes. Despois do acordo plenario de onte, a raíz dunha moción presentada polo PSdeG, o Goberno local comprométese a revisar a Ordenanza reguladora de actividades, instalacións e ocupacións da vía pública, no apartado referido aos vados, a fin de regular con maior equidade fiscal a autorización das pasaxes aos garaxes e a prontitude do seu mantemento.

Compartir: