PLENO

O Pleno aproba a designación de membros do Consello Municipal de Saúde

17/03/2016 O Pleno da Corporación aprobou este xoves, na sesión ordinaria de marzo, a designación dos membros do Consello Municipal de Saúde. Deste xeito, este órgano queda definitivamente reactivado, despois da primeira reunión constitutiva celebrada en xaneiro, tras un longo período de dez anos sen celebrar ningunha xuntanza.

O Consello Municipal de Saúde estará presidido polo alcalde, actuará como vicepresidenta a concelleira de Políticas Sociais, e contará con representantes dos catro grupos da Corporación municipal. Do órgano tamén formarán parte representantes da Administración Sanitaria da Área Sanitaria de Santiago e da Xunta de Persoal, dos Colexios Profesionais de Médicos e Psicólogos, das asociacións de usuarios, e do Consello de Relacións Veciñais. A proposta de Compostela Aberta para a designación de membros do Consello contou cos votos a favor de CA, PSOE e BNG, e coa abstención do PP.

O Consello Municipal de Saúde é un órgano colexiado de participación comunitaria para a consulta e seguimento da xestión sanitaria no ámbito municipal. O seu regulamento data de 2003, polo que un dos primeiros obxectivos será actualizalo. A máis longo prazo, deberase elaborar un Plan Municipal de Saúde. Segundo o regulamento actual, o Consello debe reunirse de xeito ordinario unha vez por semestre, se ben a última xuntanza databa de 2006.

Vía Verde a Compostela
O Pleno da corporación aprobou tamén, co apoio de Compostela Aberta, PSOE e BNG e a abstención do PP, un novo protocolo de colaboración para a creación, xestión, explotación e mantemento da Vía Verde a Compostela, que vén a renovar o asinado no ano 2008. A principal novidade do texto presentado polo grupo de Goberno é a incorporación de Tordoia e Cerceda ao proxecto, que ata o de agora implicaba aos concellos de Santiago, Ordes e Oroso.

O protocolo ten como obxectivo acondicionar as vías de ferrocarril en desuso para convertelas en camiños doados de transitar tanto en bicicleta como camiñando. Cunha extensión de 36,9 quilómetros, a de Compostela-Cerceda sería a primeira Vía Verde de Galicia en lonxitude, e suporía importantes beneficios turísticos, naturais e socioculturais para os municipios implicados no proxecto. O protocolo sinala que os concellos de Santiago, Oroso, Ordes, Tordoia e Cerceda xuntarán esforzos para solicitarlle a ADIF a cesión dese tramo da vía, e ás administracións provincial, autonómica e estatal a súa implicación no acondicionamento. Os concellos asumirían a xestión, promoción e mantemento da infraestrutura, a través dun Consorcio creado con ese fin.

Pacto dos alcaldes pola enerxía sostible
Tamén co respaldo de Compostela Aberta, PSOE e BNG e coa abstención do PP, o pleno deulle luz verde esta tarde a unha proposta de CA para que Compostela se sume ao chamado "Pacto dos alcaldes pola enerxía local sostible".Trátase dun acordo impulsado pola Comisión Europea en 2008, dentro da Estratexia europea de adaptación ao cambio climático e da posterior Estratexia enerxética europea. En 2013, o Concello de Santiago asinara o Pacto dos Alcaldes, pero non completou o proceso de adhesión ao grupo porque non elaborou o necesario Plan de Acción de Enerxía Sostible.

O acordo aprobado agora supón que o Concello de Santiago asume o compromiso do Pacto dos Alcaldes de reducir as emisións de CO2 no termo municipal nun 40 por cento ata 2030, apostando por melloras na eficiencia enerxética e por un maior uso das enerxías renovables. Para lograr ese obxectivo, o Concello levará a cabo un inventario de emisións e redactará un Plan de Acción de Enerxía Sostible nun prazo de dous anos. A partir do envío deste documento, tamén se compromete a redactar informes nos que avalíe os pasos dados, cando menos cada dous anos.

Rede de cidades amigables coas persoas maiores
Por unanimidade dos catro grupos da Corporación, o Pleno acordou a adhesión de Santiago á Rede Mundial de Cidades Amigables coas Persoas Maiores (Age Friendly Cities-AFC), unha iniciativa da Organización Mundial da Saúde que naceu como resposta a dúas tendencias contemporáneas: o envellecemento demográfico e o proceso de urbanización. Esta adhesión supón que o Concello realizará un estudio sobre a cidade no que se detecten que aspectos son amigables coas persoas maiores, cales son as barreiras e problemas que presenta, e cales son as posibilidades de mellora. A partir de aí, crearase un comité de persoas expertas para o asesoramento de intervencións en áreas como a mobilidade, a participación social, a vivenda, ou o emprego e a participación cidadá.

Participar na Rede Mundial de Cidades Amigables coas Persoas Maiores tamén supón a elaboración dun Mapa de boas prácticas educativas cara as persoas maiores, e o compromiso de fomentar a participación deste colectivo en todos os ámbitos da vida municipal.

Queixas e suxestións
Na sesión desta tarde deuse conta do informe anual da Comisión de Queixas e Suxestións, correspondente a 2015. O ano pasado tramitáronse 289 expedientes, 20 máis que en 2014. Deles, 240 foron queixas, 38 suxestións, 10 consideráronse improcedentes, e un expediente foi anulado.

Por servizos, a maioría das queixas referíronse á área de tráfico, con 52 das que quedaron resoltas 49. A área de Vías e Obras recibiu 39 queixas, a Policía e a Xestión de Servizos Básicos, 29 cada unha, e Espazos Cidadáns e Atención ao Contribuínte rexistraron 24 queixas en cada caso. No seu informe, a Comisión de Queixas e Suxestións sinala que "o número de queixas tramitadas é escaso, xa que equivalen ao 0,48 % do total de trámites iniciados no Concello en 2015". Tamén apunta ao grao de resolución dos expedientes, con 260 solucionados (dos que 134 correspondían a 2015, 79 a 2014 e 47 a anos anteriores).

Outros acordos
O Pleno ordinario de marzo deulle luz verde, por unanimidade dos catro grupos da Corporación, a unha proposición do PSOE relativa á creación dunha ruta literaria como atractivo turístico e cultural. Tamén por unanimidade saíu adiante a proposta do PP relativa a acometer unha actuación integral de mellora no Parque e Praza da Constitución.

A sesión deste xoves comezou coa intervención do presidente da ANPA do CEIP Lamas de Abade, Antonio Barros, que explicou diante da Corporación a situación na que se atopa este centro ante a falta de prazas para atender a demanda da zona sur da cidade.

Direccións relacionadas



Compartir: