TURISMO

Renfe oferta un 35% de desconto nas viaxes a Santiago por Semana Santa

17/03/2016 Renfe aplicará un desconto especial do 35% nos billetes de tren de ida e volta con destino Santiago durante a celebración da Semana Santa. Este desconto aplicarase grazas ao convenio de colaboración que se asinou o pasado mes de xaneiro entre a compañía, Turismo de Santiago e a Asociación Hostalería Compostela.

O desconto estará en vigor entre o 18 e 29 de marzo, vinculándose ás datas de De Lugares e órganos. Músicas e outras paisaxes de Compostela, nova iniciativa municipal para pór en valor os órganos situados nos templos da cidade como elementos patrimoniais. O programa inclúe unha combinación de visitas culturais e unha axenda musical propia destas datas.

As persoas interesadas en obter esta oferta do 35% nas seus traxectos de ida e volta a Santiago poden descargarse a Autorización de Desconto na páxina web específica de Turismo de Santiago sobre a Semana Santa, www.semanasantasantiago.com. Con esta autorización pode adquirirse a continuación o billete co desconto a través da web de Renfe ou en calquera punto de venta da compañía, estacións e axencias de viaxe.

As persoas usuarias do desconto poderán gozar de toda a oferta turística de Santiago durante a Semana Santa, dende as celebracións relixiosas propias destas datas ata o novo programa gastronómico Santiago Paixón Doce, que nace coa idea de promocionar como atractivo turístico a tradición larpeira da cidade durante a Semana Santa.

Santiago Paixón Doce celebrarase do 18 ao 27 de marzo. Máis de 20 locais da cidade incluirán nas súas cartas produtos e preparacións doces tradicionais da Semana Santa, como torrixas, leite fritida, bolos de vento, rosquillas, melindres, rosca, chocolates "de paixón" ou tortas. Estes doces poderán tomarse como sobremesa, tras as comidas ou ceas, ou incluso na propia barra dos locais, sen ter que pedir un menú.

Turismo de Santiago, Renfe e a Asociación Hostalería Compostela renovaron no pasado mes de xaneiro, durante a celebración de Fitur, o convenio de colaboración que manteñen co obxectivo de aumentar o número de turistas que chegan a Santiago en tren. O convenio, no que se enmarca o desconto por Semana Santa, contempla outras actividades, como accións de comunicación, colaboración en viaxes de prensa, intercambio de canles e soportes de promoción e difusión, colaboración en acción de marketing, participación en campañas de promoción turística conxunta...

Direccións relacionadas



Compartir: