POLÍTICAS SOCIAIS, MEDIO AMBIENTE E MEDIO RURAL

Compostela optará a cinco millóns de euros de fondos europeos para accións de desenvolvemento ecosocial

17/03/2016 O Concello de Santiago vén de presentar un proxecto de loita contra a pobreza urbana, co que opta a fondos europeos do programa UrbanInnovativeActions (UIA). As accións previstas, que estarán lideradas pola Concellaría de Políticas Sociais en colaboración con outros departamentos municipais, están orzamentadas en 6,2 millóns de euros. Desa cifra, 5 millóns de euros procederían dunha subvención europea con cargo aos fondos FEDER.

O programa europeo UIA ten como obxectivo fomentar proxectos innovadores que solucionen desafíos actuais en cidades de máis de 50.000 habitantes. Un dos temas subvencionables é o que ten que ver coa pobreza urbana e, nese marco, as concellarías de Políticas Sociais, de Medio Ambiente e Convivencia, e de Medio Rural colaboraron na elaboración dun proxecto bautizado como GREEN4HOPE e que se centrará en accións ao redor do desenvolvemento ecosocial.

O obxectivo é loitar contra a pobreza e a exclusión social a través do aproveitamento de recursos naturais, medioambientais ou ecolóxicos como fontes para mellorar a calidade de vida e a inserción social e laboral. Para o seu desenvolvemento, o Concello conta con catro socios executores: COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade), ASPAS (Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual), a Plataforma polo Emprego e a Universidade de Santiago.

A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, presentou hoxe o proxecto nunha rolda de prensa na que estivo acompañada polo edil de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro; o presidente da Plataforma polo Emprego, Miguel Fernández; Catuxa Pereira, responsable de proxecto de COGAMI; Xabier García, xerente de ASPAS e o profesor do departamento de Economía Aplicada da USC Gonzalo Rodríguez. Tamén participa no proxecto o grupo de investigación da Universidade de Santiago SEPA-Interea, que lidera o catedrático de Pedagoxía Social José Antonio Caride, que non puido participar na presentación.

Todos eles coincidiron na necesidade de afrontar o problema da pobreza dende unha óptica que vaia máis alá das políticas sociais e de emprego. Nese sentido, o profesor da USC Gonzalo Rodríguez apuntou que o proxecto GREEN4HOPE ten tres fortalezas: a súa aposta por resolver o problema da pobreza dende unha perspectiva global, a transversalidade das súas propostas e a multifuncionalidade dos proxectos que acubilla. Tamén salientou que o programa pode "impulsar un necesario cambio de valores da sociedade compostelá á hora de enfrontarse á pobreza urbana". Nese sentido, os catro socios executores manifestaron o seu desexo de que o proxecto permita poñer en marcha unhas accións que se consoliden máis alá do período subvencionable pola Unión Europea.

Paquetes de traballo
O proxecto GREEN4HOPE está estruturado en distintos paquetes de traballo, cada un deles con varias acción concretas. O primeiro deses paquetes ten como finalidade abordar as causas da pobreza, a través de tres iniciativas: unha campaña de sensibilización pública, unha escola de segundas oportunidades e unha escola comunitaria de participación e innovación socioambiental, na que vai colaborar a USC.

O segundo paquete de traballo quere actuar sobre as consecuencias da pobreza. Para iso, deseñáronse seis accións: o acondicionamento de hortas comunitarias para o autoabastecemento; un plan de acceso enerxético que se desenvolverá a modo de proxecto piloto na Pontepedriña; un plan piloto para reverdecer A Pontepedriña reducindo as necesidades de enerxía e que será executado por COGAMI; unha rede de solidariedade e banco do tempo; e un plan de accesibilidade universal a servizos en zonas verdes.

O GREEN4HOPE prevé un terceiro paquete de traballo que pretende buscar camiños para saír da pobreza, con catro actividades: a creación dunha incubadora de empresas de economía social ecolóxicas e verdes; a creación dun viveiro de plantas e flores en colaboración con ASPAS; o apoio á creación de cooperativas e/ou empresas sociais no sector da economía circular, cun programa executado pola Plataforma polo Emprego; e a posta en marcha de diversos obradoiros de emprego en materia de mantemento medioambiental e forestal, que serán impulsados polo Concello.

Orzamento e prazos
O proxecto GREEN4HOPE será debatido no Pleno da Corporación, despois de ser aprobado mañá na Xunta de Goberno. En xuño coñecerase se é un dos elixidos no marco do programa europeo UIA e, de ser así, as accións previstas desenvolveríanse dende o 1 de novembro de 2016 ata o 31 de outubro de 2019.

O orzamento total do programa é de 6.209.820,74 euros, dos que 4.967.856,59 euros procederían de fondos europeos FEDER. A achega do Concello sería de 789.102,37 euros; COGAMI aportaría 125.776 euros; ASPAS, 163.956,54; a Plataforma polo Emprego, 62.691,24 euros; e a Universidade de Santiago faría unha achega de 100.168 euros.

Compartir: