FACENDA

O Concello procederá á devolución de 1.661 recibos da contribución por fincas rústicas que cotizaban como urbanas

17/03/2016 O Concello de Santiago vai devolver un total de 1.661 recibos da contribución por fincas rústicas que viñan cotizando como urbanos, o que supón un importe total de 600.00 euros. Isto é posible en virtude da modificación por parte da Dirección Xeral do Catastro dcondicións daquelas fincas que non tiñan aprobado o Plan Parcial, que cotizarán como rústicas en 2016.

A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, deu conta esta mañá da reunión mantida onte na Coruña coa Dirección Xeral de Catastro en relación á modificación das condicións dos solos urbanizables delimitados que non están regulados no Plan Parcial. Así, dáse cumprimento a unha sentenza do mes de xuño que obrigaba a regularizar a súa situación neste ano ou en 2017.

O Concello de Santiago solicitou do Catastro a modificación destes solos cando se tivo coñecemento da sentenza, co obxectivo de que neste 2016 comezasen a cotizar como fincas rústicas e non como urbanas. Vense afectados por esta modificación 1.661 terreos, aos que se lle suman 676 que, aínda que continuarán cotizando como urbanos, verán reducido o importe do recibo polo cambio do valor dos mesmos.

Santiago de Compostela é unha das primeiras cidades de Galicia que fará efectivo este cambio e que procederá tamén á devolución dos recibos indebidamente cobrados no IBI de 2015, cando estas fincas debían cotizar xa como rústicas e o seguían a facer como urbanas. Para este fin consignouse unha partida de 600.000 euros nos orzamentos de 2016.

María Rozas explicou que "se trata dunha cuestión de xustiza, porque estes contribuíntes levaban anos pagando un recibo do IBI por un valor superior ao que lles corresponde, con motivo da expansión urbanística de anos atrás".

Regulación catastral
Na xuntanza mantida onte coa Dirección Xeral de Catastro, a concelleira preocupouse pola regularización catastral que se fará na cidade durante este ano, despois de que tamén pasaran pola mesma localidades como Ames, Teo, Ferrol ou Lugo.

A concelleira foi informada de que nos vindeiros meses se coñecerá o número exacto de construcións que serán obxecto de revisión por detectar o Catastro algún tipo de irregularidade. En todo caso, non hai grandes inmobles, senón pequenas construcións como galpóns, garaxes, piscinas ou modificacións nas fachadas dos edificios que varían o seu valor catastral.

A concelleira de Economía e Facenda destacou que "dende Catastro se nos garantiu que non haberá cobro de xuros nin sancións por este procedemento. O que vai facer Catastro é cobrar unha taxa administrativa pola xestión do proceso".

A pesar de que a regularización catastral non é competencia do Concello de Santiago, senón da Dirección Xeral de Catastro, "dende o departamento de xestión tributaria fíxose un cruce de datos para detectar aqueles inmobles que podían estar en situación irregular e os seus propietarios e propietarias foron debidamente notificados para que procedesen á súa regularización". Aqueles que o fagan deberán aboar os últimos 4 anos con independencia de se levan moitos máis con esa irregularidade. Rozas destacou que "aqueles que non proceden á súa regularización adoitan ser grandes propietarios ou persoas que non o fan por descoñecemento, máis que por unha cuestión meramente económica".

Compartir: