EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Inés Sáa López, alumna do Colexio La Salle, recibe o primeiro premio do certame literario "Relatos de Auga Intelixente"

17/03/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega Sánchez, e o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manolo Dios, acompañados por outros membros da Corporación e por representantes da empresa Viaqua e do Colexio La Salle, entregaron o primeiro premio do certame Relatos de Auga Intelixente á alumna de bacharelato Inés Sáa López, que cursa estudos no devandito centro.

Este certame, promovido por Viaqua coa colaboración dos concellos, entre eles o de Santiago de Compostela, ten como obxectivo comprometer á comunidade educativa no uso sostible da auga e no coidado do medio ambiente a través da literatura. Nesta segunda edición presentáronse 290 traballos de alumnado de ESO e Bacharelato de diferentes centros de ensino de toda Galicia.

Inés Sáa López , alumna do Colexio La Salle , fíxose co primeiro premio, na categoría de bacharelato, co seu relato Pensamientos etéreos, polo que recibiu un diploma de recoñecemento e un iPad. A gañadora leu o seu relato no transcurso do acto.

Outras propostas didácticas
A colaboración establecida entre o Concello de Santiago, a través do Departamento de Educación e Cidadanía, e Viaqua, permite poñer en marcha diferentes programas e propostas educativas co obxectivo de lograr unha maior concienciación e participación dos centros de ensino de Santiago na prevención e solución de problemas ambientais, poñendo á súa disposición recursos educativos que permitan a posta en valor de hábitos e actitudes cidadás que fagan da nosa cidade un espazo de maior calidade para a nosa vida cotiá, dando contido a vocación de Santiago como cidade educadora.

Entre as propostas previstas para este curso escolar, concebidas especialmente para traballar cos escolares, salientan as relacionadas co ciclo urbano da auga e co coidado do medio ambiente:

- O tratamento da auga: visita comentada ás instalacións exteriores e interiores da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) e á Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR). Os primeiros centros participantes no programa de visitas son os IES de Sar e Arcebispo Xelmírez I e o Departamento de Enxeñería Química da USC.

- Programa educativo "Aqualoxía". Comezaron estas actividades cun taller para concienciar aos nenos e nenas sobre o uso axeitado e racional da auga. Os primeiros centros participantes nas no programa son os CEIP Rodríguez Xixirei, Arquitecto Casas Novoa, Pío XII, Roxos- Villestro e López Ferreiro, e os colexios La Milagrosa, Vilas Alborada e Junior´s.

Información e reservas no Departamento de Educación e Cidadanía: dptoeducacion@santiagodecompostela.gal; teléfono 981 554 400 ou fax 981 571 511.

Compartir: