ESPAZOS CIDADÁNS

Avanza o proceso de revisión do Plan Especial

16/03/2016 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, presidiu este mércores unha nova xuntanza no marco do proceso de revisión do Plan Especial da Cidade Histórica. A reunión serviu para analizar inicialmente o documento de información urbanística e diagnose da zona vella, no que se recollen os seus usos e se analiza o estado actual de instalacións e edificacións.

Na xuntanza celebrada este mediodía participaron representantes dos catro grupos municipais; a xerente do Consorcio, Belén Hernández; e algúns dos integrantes do grupo de expertos que está colaborando activamente na elaboración do novo documento, como o ex alcalde de Santiago e arquitecto Xerardo Estévez, ou o arqueólogo do CSIC Felipe Criado. Todos eles debateron temas que se están a abordar co equipo redactor do documento, relacionados coa mobilidade, a vivenda, a definición paisaxística ou os usos turísticos da cidade histórica.

O concelleiro de Espazos Cidadáns explicou que ao longo de mes de maio estará rematado un documento de avaliación ambiental que lle será remitido á Xunta. Jorge Duarte mostrouse convencido de que a revisión do Plan Especial da Cidade Histórica será sometida a aprobación inicial antes de que remate 2016, para ser aprobada definitivamente en 2017.

O novo Plan Especial, que está coordinando o arquitecto municipal Javier Fernández, ten como principal obxectivo xestionar os usos da cidade histórica, unha vez que a cidadanía xa ten asumida a necesidade de protexer este ámbito. O concelleiro de Espazos Cidadáns sinala que a nova redacción debe apostar por "unha zona vella vivida, e para iso terá que resolver cuestións que melloren a calidade de vida da veciñanza como as carencias de aparcamento ou de infraestruturas". O documento está a ser tamén debatido cos colectivos veciñais e culturais da cidade vella.

Compartir: