FACENDA

Os informes de Intervención avalan a proposta orzamentaria presentada polo Goberno municipal

09/03/2016 Este venres 11 de febreiro, ás 8:30 horas, terá lugar a a Comisión Informativa de Facenda na que se debateirá a proposta de orzamentos para o 2016, o cadro de persoal e o Plan Económico Financeiro elaborado como consecuencia do incumprimento da regra do gasto por parte do Executivo anterior.

Os informes da Intervención municipal avalan a proposta orzamentaria presentada polo Goberno local. Neles indícase que o documento cumpre con todos os requisitos legais, como o equilibrio orzamentario e financeiro, a estabilidade e os índices de endebedamento. O Departamento de Intervención indica tamén no seu informe que a estimación de ingresos está feita dende criterios realistas e de prudencia.

Plan Económico Financeiro
O Goberno local viuse na obriga de elaborar para este ano 2016 un Plan Económico Financeiro (PEF) como consecuencia do incumprimento da regra do gasto polo anterior Executivo en 2,3 millóns de euros.

Este documento, informado tamén pola Intervención municipal, recolle que hai cumprimento da regra do gasto, tanto no exercicio 2015 como na proposta orzamentaria do 2016. Diso, indica o informe que se "deduce unha situación de equilibrio en termos de estabilidade orzamentaria". O Plan Económico Financeiro debe ser aprobado de forma definitiva pola Dirección Xeral de Facenda.

O Goberno local puxo a disposición da oposición toda a documentación necesaria para a convocatoria da Comisión de Facenda, paso previo preceptivo para poder levar esta proposta orzamentaria a Pleno para a súa aprobación definitiva. O proceso de orzamentos continúa así adiante con todos os avais posibles e coa Intervención municipal informando favorablemente dende un punto de vista legal a proposta.

Compartir: