MOCIDADE

Un grupo de estudantes desenvolve "Marzal Cultural", unha das propostas máis votadas no piloto de Orzamentos Participativos

09/03/2016 A concelleira de Mocidade, Deporte e Benestar Animal, Noa Morales, presentou esta mañá en rolda de prensa a actividade Marzal Cultural, que levarán a cabo durante o mes de marzo un grupo de estudantes pertencentes á Asociación do Colexio Maior San Clemente.

A concelleira estivo acompañada de Victoria García, Sara Senande e Uxía García, ex presidenta, vicepresidenta e presidenta da Asociación de Estudantes e responsables da iniciativa. Noa Morales destacou que "esta proposta pode levarse a cabo aínda sen ter aprobados os orzamentos de 2016, porque non supón custo para o Concello de Santiago, que colabora como institución na súa difusión e promoción". Para a concelleira, é "fundamental que vaian saíndo as iniciativas que xorden da cidadanía e, sobre todo, da xente máis nova á que lle apetece participar da actividade cultural da súa cidade".

Orzamentos Participativos
Marzal Cultural foi unha das actividades presentadas durante o proceso piloto de Orzamentos Participativos na área de Mocidade, quedando no sétimo posto e acadando 192,66 puntos. Tal e como explicaron na rolda as responsables desta iniciativa, baixo este nome recóllense todas as actividades e coloquios de promoción da lingua galega que se levarán a cabo durante o mes de marzo e ata principios de abril, empregando os espazos dispoñibles no Campus Vida.

As conferencias e coloquios propostos tratarán temas de actualidade, con relatores que achegarán os seus puntos de vista respecto a diferentes asuntos que teñan interese para os e as participantes. Ademais, dende a Asociación contan co recoñecemento do personaxe galego/a do no como acto máis representativo do ciclo de conferencias e actividades.

Polo Marzal Cultural xa pasou o director, montador e guionista Jorge Coira, gañador do Goya en 2016 á mellor montaxe por El Desconocido. Entre as charlas previstas destaca a que terá lugar esta tarde a partir das 21:15 horas, no Colexio Maior Rodríguez Cadarso, a cargo de Margarita Ledo. E o próximo 6 de abril pechará este ciclo de conferencias o profesor de Matemáticas e doutorado en Estatística Julio González Díaz.

Os obxectivos que se marca o estudantado con este ciclo de conferencias e coloquios en lingua galega pasa pola promoción da cultura no Campus Vida, o fomento do debate dentro da mocidade respecto a determinados temas de actualidade, dinamizar a comunidade universitaria e aprender de respectables figuras da cultura galega.

A concelleira adiantou ademais que o Departamento de Mocidade está a mirar xa as 12 primeiras propostas para desenvolvelas a partir da aprobación dos orzamentos de 2016. O orzamento para a realización de actividades dentro do proceso piloto de Orzamentos Participativos ascende a 100.000 euros.

Compartir: