EDUCACIÓN E CIDADANÍA

O Concello de Santiago anima as familias compostelás a elixir o ensino público

09/03/2016 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, animou as familias compostelás a elixir o ensino público para os seus fillos e fillas. Fíxoo durante a presentación dos prazos de matrícula nas escolas infantís municipais, nos CEIPs e na Escola Municipal de Música. Esta promoción da educación pública realizarase a través unha campaña da que o edil ofreceu os detalles.

"O ensino público é a túa mellor opción" é un dos lemas desta campaña, a través da cal se quere animar ás familias a apostar polo ensino público e coa que se quere por en valor o mesmo. Así, Manuel Dios defendeu con "paixón" o carácter "aberto e plural" da educación pública, onde está "a escola de todas e todos".

A campaña resalta que o ensino público proporciona unha "educación de calidade aos nosos fillos e fillas para que estean mellor preparados e preparadas, integrados e integradas nunha sociedade máis xusta e solidaria, e sexan máis libres e felices". Ademais, lembra que o público é o ensino construído día a día, cos impostos de todos e todas, sendo o "resultado do esforzo de toda a cidadanía para termos garantido o dereito e o deber de educar".

Escolas infantís municipais
Xunto a Manuel Dios e ao xefe do Departamento de Educación, Xosé Manuel Rodríguez-Abella, estiveron na rolda de prensa a directora da Escola Infantil Municipal de Meixonfrío-Salgueiriños, Belén Álvarez, e a coordinadora das escolas de Conxo e de Fontiñas, María Xosé Facal. Estas tres escolas infantís municipais ofrecen 245 prazas para nenos de 0 a 3 anos: 55 en Conxo, 66 nas Fontiñas e 124 en Meixonfrío-Salgueiriños.

Para o novo curso 2016-2017 hai un total de 115 vacantes, ás que se suman as 9 prazas reservadas para casos de emerxencia social. 37 das vacantes son para nenos e nenas de 0 a 1 anos, 18 para o tramo de 1 a 2 anos e 60 para o tramo de 2 a 3 anos. Os prazos de reserva de praza e traslado de alumnado actual rematará mañá xoves, 10 de marzo, abríndose do 15 de marzo ao 15 de abril o prazo de solicitudes de novo ingreso. Máis información sobre trámites e prazos, na web municipal.

Tamén está aberto o proceso de admisión nos 13 centros de educación infantil e primaria (CEIP) cos que conta Santiago de Compostela. A tramitación corresponde á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e toda a información está dispoñible tamén nesta web.

Escola Municipal de Música
Na rolda de prensa tamén participou a directora da Escola Municipal de Música, Sara Domínguez. No caso deste centro e dos seus diferentes plans de estudos, os prazos abriranse para o alumnado actual o vindeiro 14 de marzo. A primeira convocatoria para os novos/as alumnos/as abrirase o 2 de maio, co período de preinscrición ata o 20 dese mesmo mes.

A información completa pode consultarse tamén a través da web municipal.

Compartir: