CONVIVENCIA

O Concello e a Universidade colaboran en materia de prevención de emerxencias

09/03/2016 O Concello e a Universidade de Santiago van asinar un convenio de colaboración que ten como obxectivo mellorar a seguridade nos edificios da USC ante situacións de emerxencia. O acordo foi presentado hoxe polo concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro; o xerente da Universidade, Xosé Manuel Villanueva; o xefe do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento do Concello, Xesús Martínez; e a responsable de Prevención de Riscos da USC, Maribel García del Río. Os catro coincidiron na importancia deste acordo, que por primeira vez regula e ordena a colaboración entre as dúas institucións en materia de emerxencias.

O acordo sinala que o Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento do Concello de Santiago prestará a colaboración necesaria á USC para poñer en marcha cursos básicos de loita contra o lume e manexo de extintores ou simulacros de evacuación nos edificios universitarios. Os bombeiros tamén se comprometen a realizar visitas programadas ás dependencias da Universidade, que servirán para que coñezan de primeira man as súas medidas de seguridade, os materiais que nelas se manexan e outras circunstancias relevantes de cara a actuar ante unha posible emerxencia. A Universidade asumirá os custos derivados destas intervencións.

Convenio exemplar
O xerente da Universidade de Santiago cualificou este convenio de exemplar, porque "demostra que as institucións poden manter colaboracións que teñan aplicacións prácticas e que non supoñan un desembolso económico". Xosé Manuel Villanueva explicou que a USC conta con 40 edificios, con peculiaridades que é positivo que os Bombeiros coñezan con antelación. Así "moitos están situados no casco histórico, onde hai maiores dificultades para actuar en caso de incendio, e outros acollen actividades que pola súa natureza obrigan a utilizar materiais perigosos e inflamables".

A responsable de Prevención de Riscos da Universidade, Maribel García del Río, sinalou que os bombeiros xa inspeccionaron a Facultade de Químicas e o CIQUS, e para finais deste mes están previstas visitas á Facultade de Farmacia, á Escola Superior Técnica de Enxeñería e un simulacro de emerxencias nalgún edificio da USC na cidade vella.

Ademais destas actividades, o persoal da Universidade recibirá formación sobre manexo de extintores e bocas de incendios. O xefe de Bombeiros, Xesús Martínez, salientou a importancia de que a comunidade universitaria adquira estes coñecementos "porque poden facilitar o traballo posterior do Servizo de Extinción".

Compartir: