EDUCACIÓN E CIDADANÍA

O Concello acorda unha solución coa Xefatura Territorial de Educación para a falta de prazas no CEIP Lamas de Abade

07/03/2016 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, mantivo unha xuntanza esta mañá co xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, para atopar un acordo respecto á falta de prazas no CEIP Lamas de Abade. Manuel Dios trasladoulle a preocupación das familias afectadas por esta problemática e o desexo do Concello de solucionalo canto antes.

Para o concelleiro de Educación, a mellor solución pasaría pola construción dun novo centro educativo no Restollal, para o que o Concello cedería unha parcela que ten dispoñible para uso educativo. A outra solución que barallan dende a Xefatura Territorial de Educación pasa pola ampliación do actual centro en ata 6 ou 9 aulas.

Na reunión, déuselle traslado ao concelleiro da alternativa acordada de forma provisional e excepcional para solventar o problema das prazas a curto prazo. Consiste na construción dun pavillón ao lado do CEIP Lamas de Abade de 50 metros cadrados, que se destinará á realización de actividades extraescolares, de tal forma que as novas matriculacións procedentes da Escola Infantil Raiola terán as súas aulas no propio centro.

Xuntanza co conselleiro
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, solicitou unha xuntanza co conselleiro de Educación, Román Rodríguez, para trasladarlle a preocupación do Concello respecto a este tema.

É ademais o conselleiro de Educación quen terá que tomar a decisión de cal das dúas solucións propostas na xuntanza de hoxe se levará a cabo. Dende o Concello de Santiago, o desexo pasa pola construción dun novo centro que permitiría solucionar non só os problemas de falta de prazas no CEIP Lamas de Abade, senón en toda a zona sur da cidade.

Compartir: