IGUALDADE

O obradoiro "Vida Propia" chega a tres parroquias do rural con actividades de empoderamento da muller

07/03/2016 Os concelleiros de Igualdade e de Medio Rural, Marta Lois e Rafael Peña, achegáronse esta mañá ao Local Social de Enfesta para presentar o obradoiro Vida Propia, que comeza esta semana en tres parroquias de Santiago: Enfesta, O Eixo e Villestro.

A concelleira de Igualdade destacou a importancia de que "as mulleres do rural formasen parte da campaña Compostela, territorio das mulleres, que está a desenvolver a Concellaría de Igualdade dentro das actividades pensadas para o Día Internacional das Mulleres. Vida Propia busca un espazo para o empoderamento e a autonomía da muller no rural e é unha aposta clara por visibilizar a todas aquelas mulleres que levan anos traballando e preocupándose por todo o mundo menos por elas mesmas".

Os obradoiros comezan este martes, 8 de marzo, na parroquia de Enfesta, coincidindo co Día Internacional das Mulleres. Hai un total de 17 inscritas e constituíuse lista de agarda para as actividades despois do éxito da iniciativa. O mércores tamén se desenvolverá na parroquia de Villestro, onde se anotaron un total de 13 mulleres. Os obradoiros que ían ter lugar en Marrozos vanse trasladar finalmente á parroquia do Eixo a petición das persoas participantes.

Mellora do benestar
O programa está deseñado para que mellore o benestar e a calidade de vida das mulleres do rural. Busca que as participantes se preocupen por elas mesmas e co obxectivo de ser felices. Entre as actividades previstas para estes días atópanse obradoiros de traballo co propio corpo, para que aprendan a interpretar os sinais que este envía cando hai algunha enfermidade, malestar ou cansazo. En "Da horta para a casa" reflexionarase sobre a importancia de que as mulleres se regalen tempo para si mesmas á marxe do traballo no fogar.

Haberá tamén un obradoiro de risoterapia e outro de autocoidados. As actividades desenvolveranse durante 4 sesións, coa mirada posta no xoves 17 de marzo ás 18 horas, cando terá lugar unha actividade de música e teatro na parroquia de Enfesta, da man dunha actriz e dun cantautor.

8 de marzo
Con motivo da celebración do Día Internacional das Mulleres, o Concello de Santiago está a desenvolver numerosas actividades que se desenvolverán ao longo de varios meses. Para o día de mañá está prevista a lectura dun manifesto na praza do Obradoiro ás 12:00 horas.

Mapa feminista de Compostela
Co obxectivo de impulsar a creación da marca Compostela, territorio das mulleres, crearase un mapa que servirá para, por unha banda, poñer en valor lugares e espazos que teñen relevancia no relato histórico das mulleres da cidade e, por outra, apoiar e promover aos axentes sociais e económicos que fan unha aposta pola igualdade de oportunidades entre homes e mulleres en Compostela.

Comezarase por abrir o proceso ao sector da hostalería e o turismo de Compostela, para que valoren que contidos poderían incorporar, dende esta perspectiva, nas súas prácticas e espazos, compromisos que se farán públicos a través do mapa. Ao mesmo tempo, o mapa servirá para explorar unha dimensión turística orientada a facer de Compostela unha cidade women friendly, cuxo selo axudará na consolidación da capital galega como destino turístico.

Literarias
A través desta iniciativa convidouse ás librarías e editoriais de Compostela a que se impliquen na promoción da igualdade de xénero. Concretamente, propúxoselles que destaquen nos seus escaparates, zonas visibles, tendas en liña, redes sociais e páxinas web, escolmas de libros escritos por mulleres e/ou de pensamento feminista. Trátase de poñer en valor a escritura de autoras a través da poesía, a literatura, o teatro, o ensaio ou a banda deseñada que fomente os dereitos das mulleres, visibilice a loita feminista e permita ollar máis aló dos estereotipos sexistas. A acción comezou o 1 de marzo e durará ata o vindeiro día 10.

Polo de agora sumáronse á iniciativa as seguintes librerías, editoriais e bibliotecas: Cronopios, Follas Novas, Kómic, Ciranda, Couceiro, Lila de Lilith, Pedreira, Fonseca, San Pablo, Tirana, NUMAX, Editoriais Alvarellos, Editora Apiario, Edicións Positivas, Hugin e Munin, Urco Editora e as bibliotecas Concepción Arenal, Ánxel Casal e Xeral.

Camiños da auga. Fontes e lavadoiros
Antigamente, as mulleres carrexaban auga para achegala a determinados lugares. A intención é visitar algunhas das fontes máis emblemáticas da cidade e falar doutras que están noutros lugares, ou que xa non existen. Ao redor delas achegarémonos á historia das mulleres e do seu labor cotián. O paseo das fontes está previsto para o domingo 13 de marzo.

O 17 de abril tamén se realizará un paseo por varios lavadoiros de Compostela, falando sobre os usos que lles daban as mulleres. Ámbolos dous paseos estarán guiados pola palabra de Encarna Otero.

Direccións relacionadas



Compartir: