POLÍTICAS SOCIAIS

A concelleira de Políticas Sociais coñece as instalacións de Cogami

07/03/2016 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, achegouse esta mañá ás instalacións de Cogami en Santiago para coñecer o traballo que realizan na cidade. Visitou, acompañada do seu presidente, Anxo Queiruga, as dependencias situadas en Modesto Brocos e tamén no Polígono do Tambre, coñecendo o traballo que realizan os seus voluntarios.

Esta visita enmárcase dentro da rolda que está a realizar a concelleira de Políticas Sociais ás entidades da cidade. Concha Fernández destacou que "nos recordan o compromiso que temos as administracións para facer de Santiago unha cidade máis social e accesible". Ademais, informou ao presidente de Cogami de que o Concello está a traballar para incorporar cláusulas sociais e reservas de mercado na contratación pública.

O Concello de Santiago ten xa un convenio con esta entidade para o fomento da contratación de persoas con diversidade funcional. Este ano incorpórase ademais outro convenio con Acadar, pertencente a Cogami, que traballa polo empoderamento das mulleres con algún tipo de discapacidade.

A concelleira amosouse moi satisfeita coa visita ás dependencias da entidade, por "ver as posibilidades que ofrece e como axuda a moitos veciños e veciñas de Santiago co obxectivo que compartimos administración e entidades sociais de facer de Compostela unha cidade máis solidaria e inclusiva".

Compartir: