ALCALDÍA

O alcalde felicita á USC polo seu compromiso coas novas empresas innovadoras

07/03/2016 O alcalde participou este luns na inauguración do encontro Spin-Off Lean Acceleration-SOLA, un proxecto enmarcado na RedEmprendia que ten como obxectivo consolidar o emprendemento innovador e tecnolóxico. Nesta iniciativa participan expertos de oito prestixiosas universidades de cinco países, que dende hoxe e ata o día 9 estarán reunidos na Casa de Europa para estudar fórmulas que melloren as capacidades das universidades para acelerar empresas baseadas no coñecemento e a I+D.

No acto de inauguración do encontro, Martiño Noriega felicitouse porque Compostela sexa escenario deste encontro, "que posiciona a nosa cidade como referente internacional en materia de transferencia de coñecemento dende a universidade ao sector produtivo". O alcalde tamén lle agradeceu ás institucións académicas, nomeadamente á USC, que tomen a iniciativa para garantir unha maior supervivencia das empresas de nova creación, tendo en conta que o 80% delas non sobreviven máis de tres anos. Noriega advertiu que as empresas innovadoras, ás que tanto se apela como necesarias para saírmos da crise económica, "precisan un apoio extra, e non obtelo pode traducirse nunha auténtica fuga de talentos".

O alcalde aproveitou o acto para lembrar a colaboración que veñen mantendo o Concello de Santiago e a Universidade no apoio aos emprendedores, con iniciativas como "a incubadora de empresas Uninova, o programa Open Future, ou o encontro Spin 16 que se celebrará en setembro en Compostela".

Proxecto SOLA
O Spin-Off Lean Acceleration é unha iniciativa liderada por RedEmprendia, no que participan a Universidade de Santiago, a Universidade Autónoma de Madrid, a Universidade do Porto (Portugal), a Universitá della Calabria (Italia), a Universidade Estadual de Campinas e a Universidade de São Paulo (Brasil), e a Universidade de Antioquia e a Universidade EAFIT (Colombia).

No encontro inaugurado hoxe participa persoal técnico de incubadoras e centros de apoio ao emprendemento universitarios, así como emprendedores vinculados á USC. Ao longo de tres días, a Casa de Europa acollerá diversos talleres nos que se vai afondar nas particularidades do emprendemento universitario. O proxecto está financiado con fondos europeos, a través do programa Erasmus+.

Compartir: