EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Aberta a inscrición no Programa de Conciliación de Semana Santa

07/03/2016 As familias compostelás xa poden inscribir os seus nenos e nenas no Programa Municipal de Conciliación de Semana Santa, que se realizará nos CEIPs As Fontiñas e Raíña Fabiola os días 21, 22, 23 e 28 de marzo. Estas actividades, organizadas pola Concellaría de Educación e Cidadanía, están dirixidas a rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos.

Poden participar neste programa nenos e nenas empadroados no Concello de Santiago ou que cursen estudos entre o 2º ciclo de Educación Infantil e o 3º ciclo de Educación Primaria en centros de Compostela. Existe a opción de escoller entre participar todos os días do programa ou en días soltos.

A inscrición realizarase a través do Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa Presidente Salvador Allende, 4) ou no Rexistro Auxiliar do Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche (rúa de Frei Rosendo Salvado, 14-16), cubrindo o formulario dispoñible nesta web, no Departamento de Educación ou nos propios rexistros. A admisión será por rigorosa orde de inscrición.

O horario do programa será de 7:45 a 16:00 horas. O servizo de madrugadores funcionará de 7:45 a 9:00 horas e poderá ser con ou sen almorzo. De 9:00 a 14:00 horas realizaranse os obradoiros e actividades. Finalmente, entre as 14:00 e as 16:00 horas, existe a posibilidade de que os rapaces fagan uso do servizo de comedor.

Obradoiros nas escolas infantís municipais
Por outra parte e tamén durante as vacacións escolares de Semana Santa, as escolas infantís de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños ofrecen ás familias, con nenos e nenas entre os 3 e os 8 anos e empadroados en Santiago de Compostela, un servizo complementario de obradoiros.

Neste caso ofrécese un total de 45 prazas, 15 en cada unha das escolas. A inscrición realizarase tamén a través dos Rexistros e a admisión será igualmente por orde de inscrición.

Máis información no Departamento de Educación e Cidadanía, a través do teléfono 981 554 400 ou da dirección de correo electrónico dptoeducacion@santiagodecompostela.gal.

Compartir: