CONVIVENCIA E EDUCACIÓN

Os Bombeiros achegaron o seu traballo á cidadanía cunha serie de exhibicións

05/03/2016 O 8 de marzo celébrase o Día dos Bombeiros, e o Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento do Concello de Santiago celebrárono por adiantado cun amplo programa de actividades. Os actos, inicialmente previstos para a praza do Obradoiro, celebráronse finalmente, a consecuencia das previsións meteorolóxicas, no Parque de Bombeiros. O alcalde, Martiño Noriega, e os concelleiros de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, e de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, non quixeron perderse a xornada.

O programa estaba pensado para que os operarios do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento lle amosasen o seu traballo á cidadanía. Para iso, houbo exhibicións de excarceración de vehículos e rescate en altura, e talleres sobre manexo de mangueiras e extintores. Tamén se realizou un obradoiro sobre mercadorías perigosas, co obxectivo de explicarlle á cidadanía que este tipo de substancias se poden atopar en calquera lugar, dende as fábricas aos nosos propios fogares.

Obradoiros infantís
Nas actividades tamén participou a Concellaría de Educación e Cidadanía, responsable duns obradoiros específicos para os máis pequenos. Desta vez, o Departamento quixo prestarlle especial atención aos nenos das escolas infantís municipais, que foron convidados a participar nos actos xunto coas súas familias. Nunha zona específica, os cativos puideron tomar parte en actividades como a elaboración dun mural sobre os bombeiros e do carné da familia dos bombeiros.

Compartir: