CONVIVENCIA

O mal tempo obriga a trasladar ao Parque de Bombeiros a exhibición prevista para este sábado na praza do Obradoiro

04/03/2016 As malas previsións meteorolóxicas obrigaron a trasladar ao Parque de Bombeiros o programa de actividades que o Servizo de Extinción de Incendios ten organizado para este sábado, e que inicialmente se ía desenvolver na praza do Obradoiro.

O programa está pensado para celebrar por adiantado o Día dos Bombeiros, que se conmemora o 8 de marzo, e para que os operarios do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento lle amosen o seu traballo á cidadanía. Para iso, haberá exhibicións de excarceración de vehículos e rescate en altura, e talleres sobre manexo de mangueiras e extintores. Tamén está previsto un obradoiro sobre mercadorías perigosas, co obxectivo de explicarlle á cidadanía que este tipo de substancias se poden atopar en calquera lugar, dende as fábricas aos nosos propios fogares.

Obradoiros infantís
Nas actividades tamén participa a Concellaría de Educación, responsable duns obradoiros específicos para os máis pequenos. Desta vez, o departamento quixo prestarlle especial atención aos nenos das escolas infantís municipais, que estarán convidados a participar nos actos xunto coas súas familias. Nunha zona específica, os cativos poderán participar en actividades como a elaboración dun mural sobre os bombeiros e do carné da familia dos bombeiros.

Compartir: