EDUCACIÓN E CIDADANÍA

O Concello de Santiago pídelle á Consellería de Educación unha solución para a falta de prazas no CEIP Lamas de Abade

04/03/2016 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, e o Goberno municipal súmanse as peticións da ANPA da Escola Infantil Raiola, que solicitan unha solución para a falta de prazas no CEIP Lamas de Abade, o que lles correspondería aos rapaces e rapazas trala finalización da escolarización infantil.

O concelleiro entende que "non se poden poñer parches ante esta situación" senón que a solución definitiva pasa pola construción dun novo colexio no Castiñeiriño, un barrio da cidade cuxa poboación está a medrar nos últimos anos. O Concello de Santiago, tal e como recolle o Plan Xeral de Ordenación Urbana, conta cuns terreos no propio barrio reservados para que se poida acometer a construción dun novo centro educativo por parte da Consellería de Educación.

Neste sentido, Manuel Dios subliñou que "o problema non se dá só no CEIP Lamas de Abade, senón noutros de recente construción como o Ramón Cabanillas, xa que estamos a falar dunha falta de prazas escolares en toda a zona sur da cidade".

O concelleiro mantivo sendas xuntanzas nas últimas xornadas coa ANPA da Escola Raiola, coas direccións deste centro e do CEIP Lamas de Abade, así como co presidente da Comisión de Educación para darlle traslado da súa preocupación por este asunto. Hoxe, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, solicitou tamén unha xuntanza urxente co conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, ao que lle dará traslado destas reivindicacións.

Compartir: