EDUCACIÓN E CIDADANÍA

"Contos para despois da chuvia" achegará a lectura aos nenos e nenas da cidade

04/03/2016 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, presentou en rolda de prensa a Campaña Municipal de Animación á Lectura, que leva por título Contos para despois da chuvia.

A campaña deste ano está baseada no traballo de Miguel Rico, que resultou gañador do VIII Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados, convocado por este Departamento de Educación e Cidadanía e a Editorial Kalandraka. Esta iniciativa, que xa vai pola súa XVI edición, desenvolverase dende o 1 de abril ata o 14 de maio de 2016 e comprende un conxunto de iniciativas en prol da animación á lectura para as familias, o profesorado e os nenos e as nenas de Santiago.

Manuel Dios destacou a " importante acollida e repercusión desta iniciativa municipal, que nos anima a seguir traballando, dando continuidade a novas propostas educativas que tanta aceptación teñen nas bibliotecas, nas librarías, entre as nenas e nenos, nas familias e entre a cidadanía de Compostela; pero sobre todo, na comunidade educativa, especialmente no profesorado que participa activamente cada ano, contribuíndo a achegar a lectura aos nenos e nenas".

Obxectivos
Esta iniciativa, que vai xa pola XVI edición quere achegar a lectura aos nenos e ás nenas ao mesmo tempo que se crea un clima agradable e motivador que favoreza a escoita e o poder da palabra como elemento evocador. Ademais, dende o Departamento quérense promover as tradicións e expresións orais en lingua galega como vehículo do noso Patrimonio Cultural Inmaterial.

Documentos relacionados



Compartir: